Esta fin de semana (9 e 10 de novembro) celebraranse as fases provinciais de Pontevedra, Lugo e A Coruña de técnica adulto e infantil da Copa Deputación na que participarán preto de 1.000 deportistas. A proba de Ourense terá lugar o 16 de novembro.
O sábado 9 disputaranse as fases provinciais de Pontevedra e Lugo, mentres que o domingo 10 será cando se celebre a de A Coruña.
Na fase provincial de Pontevedra, organizada polo Leam no Pavillón Municipal de Covelo, participarán case 500 deportistas (490 inscritos) a partir das 9:00 horas. Pola súa banda a fase de Lugo (co Neka como organizador) celebrarase no Pavillón Municipal de Taboada con 221 inscritos.
A proba da provincia da Coruña disputarase o domingo 10 de novembro no Pavillón Municipal de Calo (Teo), organizada polo TK Denono, coa participación de 184 deportistas. E teremos que esperar ata a próxima semana (16 de novembro) para gozar da proba de Ourense, que se celebrará en Expourense (ao lado do pavillón Paco Paz) con 92 taekwondistas na inscrición.
Hai que recordar que 1/3 dos participantes das Copas Deputación da categoría amateur acadará a participación para a Copa Xunta, que se disputará en Sada o 21 de decembro. Dende hai tres anos a Copa Deputación, ademais da categoría amateur, inclúe a competitiva, na que a metade dos participantes clasifícanse para a Copa Xunta, na que estarán en xogo puntos para o ránking galego de técnica (clasificatorio para os Campionatos de España).
O obxectivo prioritario desta competición é a participación e a promoción deste deporte. A Federación Galega de Taekwondo repartirá un agasallo entre todas e todos os participantes. Estas probas son patrocinadas polas deputacións provinciais e organizadas pola Federación Galega de Taekwondo en colaboración cos clubs TK Denono (A Coruña), Neka (Lugo), Couto (Ourense) e Leam (Pontevedra).