Este sábado 16 de febreiro celebrarase a XIV edición da Copa Cidade da Coruña de Taekwondo no Coliseum da Coruña (de 09:00 a 22:00 horas) coa participación de case 550 deportistas de Galicia, Asturias, Baleares, Castela e León e Portugal. Igual que o pasado ano o torneo disputarase tanto na modalidade de combate en todas as súas categorías (dende alevín ata máster), como de hapkido (defensa persoal).
Este torneo (categoría RG-2) forma parte do Circuíto Galego de Ránking, organizado pola Federación Galega de Taekwondo e tamén será puntuable para o ránking de Portugal, polo que contaremos coa presenza dun nutrido grupo de deportistas lusos representando a nove clubs de Portugal.
Na competición utilizaranse petos e cascos Daedo Gen 2, vídeo replay e tapices octogonais. Na modalidade de combate haberá un total de 490 deportistas pertencentes a 47 clubs (27 de Galicia, 2 de Asturias, 1 de Baleares, 7 de Castela e León e 9 de Portugal) e 40 en hapkido (pertencentes aos clubs de Garrapucho Coruña, Sam Mu Ourense e Kyo Carballiño).
Como todos os anos, a Escola de Taekwondo Garrapucho organiza unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da Coruña, con máis de 130 anos de historia. A entrada ao recinto será gratuíta, polo que a organización anima a todos os participantes no evento (deportistas, árbitros, técnicos e público) a doar alimentos non perecedoiros, que se entregarán a esta institución benéfica. Este torneo está a ser organizado pola Escola de Taekwondo Garrapucho en colaboración co Concello da Coruña, Caixabank, Gadis, Deportes San Remo e Federación Galega de Taekwondo.