Catro bronces para deportistas galegos no Open de España absoluto (categoría G1), que se celebrou esta fin de semana en Vila-Real (Castellón). Os bronces foron para Sara Cortegoso (Mace Sport), Tania Castiñeira (Hebe), Iván García (Mat´s) e Javier González (Mace Sport). Con esta proba, péchase a clasificación para a disputa do Mundial absoluto e finalmente acudirán a Manchester Sara Cortegoso, Arlet Ortiz e Iván García.
En -74 quilogramos, Javier González (Mace Sport) estreaba a tempada, xa que estaba en branco por culpa de problemas físicos. O pontevedrés logrou a medalla de bronce, tras superar a Pau Dorca (26-5) e ao alemán Philipp Trzeciak tamén de forma clara (21-7). Javier explicou que “estiven condicionado a pegar só abaixo desde o primeiro combate por mor dunha picada na zona lumbar, o cal me impediu poder realizar a semifinal ao imposibilitarme o movemento case de todo”. Na semifinal esperaba Javier Chicote (Comunidade Valenciana) pero Javier non puido competir. Fantástico bronce.
Iván García (Mat´s) acadou o bronce en -87 quilogramos tras vencer nos cuartos de final ao ruso Nurmagomedov, de forma contundente (26-4), pero o galego nas semifinais non puido co turco Hasan Can Lazoglu (16-20). Comezou gañando Iván, pero despois remontou o turco e o combate foi igualado ata o final, no que un par de despistes do galego foron decisivos. Aínda así, bronce e clasificado para o Mundial!
Na categoría feminina tamén houbo dúas medallas. Sara Cortegoso (Mace Sport) conseguiu un bronce no Open de España, nunha moi boa actuación. A pontevedresa eliminou na primeira rolda a Andrea Mengual (3-30) e posteriormente a Laura Muñoz, nun emocionante combate (25-28). Na semifinal tiña como rival a principal favorita, a turca Filiz Ogel. Sara fixo un traballo excepcional e Ogel só puido vencer no punto de ouro, despois de que o combate rematara con empate (18-18). Foi, sen dúbida, o combate máis duro de todo o torneo. Ogel logrou o ouro en -46 quilogramos. Con esta medalla, Sara recupera o primeiro posto do ranking nacional e logra a clasificación para o Mundial.
No peso pesado Tania Castiñeira (Hebe) tivo como rival en semifinais a turca Sude Bulut e aínda que foi un combate axustado, Tania non puido vencer para meterse na final. Bulut logrou o triunfo no Open.
Xornada do sábado. Magnífica actuación dos equipos galegos cadete e júnior na primeira xornada do Open de España con 9 ouros (Anxo Vidal, Samuel Meilán, Adrián Salanova, Sergio Troitiño, Noa Romero, Cloe Iglesias, Ainoha García, Desiree Rivadulla e Pablo Patiño), 3 pratas (Xabier Ramas, Dulce Naiara Francisco e María Ferreiro) e 12 bronces (Pablo Figueira, Darío Fernández, Alesandra Imparato, Sara Pena, Inés González, Helena García, Thalía Sampedro, Sara Gacio, Aitana López, Manuel Lorenzo, Óscar Ortigueira e Alejandro Costado). Na categoría cadete, Galicia foi primeira e na júnior ocupou a segunda posición por detrás de Francia.