Galicia estará representada no Campionato de Europa Sénior de taekwondo, que se celebrará en Múnic (Alemaña) do 11 ao 14 de maio. Catro deportistas galegos —Carla Sesar, Tania Castiñeira, Sergio Troitiño e Iván García— formarán parte da selección española nunha das citas máis esixentes do calendario continental.
O primeiro en entrar en competición será Iván García (+87 kg, Mat’s), que competirá o luns 11 de maio co obxectivo de pelexar polas medallas. O taekwondista galego chega ao Europeo condicionado por unha lesión sufrida nas últimas semanas, aínda que afronta a cita con ambición: “Non chego nas mellores condicións porque tiven unha lesión e a recuperación non foi como eu quería, pero vou competir ao máximo e sacar o mellor de min. Cando hai un torneo deste tipo, sacas forzas de calquera sitio”, explica Iván, que parte co número 3 do ranking.
Sobre os seus rivais, teno claro: “Os de sempre, xente moi complicada e moi potente, coa que teremos que pegarnos un día máis”. O seu obxectivo é claro: “Entrar nas medallas. E, coa preparación que tiven, se consigo algo máis será un regalo”.
O martes 13 de maio será a quenda de Carla Sesar (-57 kg, Natural Sport) e Sergio Troitiño (-87 kg, Mat’s). Para Carla será unha experiencia moi especial, xa que afronta o seu primeiro Europeo absoluto no seu debut na categoría sénior: “Só clasificarme á miña idade xa me parece un gran logro”, recoñece. A deportista galega, de 17 anos, asegura chegar “sen moita presión”, coa intención de “desfrutar dos combates e aprender da experiencia”, aínda que sen renunciar a competir ao máximo nivel. Entre as rivais máis perigosas sinala á francesa Kanelya Carabin, á croata Nika Karabatic, á bielorrusa Yuliya Vitko e á turca Hatice Kubra Ilgun.
Pola súa banda, Sergio Troitiño afronta o seu segundo Europeo sénior “con moitas ganas e ilusión”, apoiándose na experiencia adquirida na súa primeira participación continental. O galego xa mira cara a un posible duelo de semifinais co italiano Simone Alessio, subcampión do mundo: “É un rival difícil, pero non imposible de gañarlle”, asegura. Tamén destaca ao ucraíno Artem Harbar (bronce mundialista e no Europeo). Aínda así, Sergio mantén os pés no chan: “O meu obxectivo é gañar combate tras combate; o que veña despois será consecuencia diso”.
A última representante galega en competir será Tania Castiñeira (+73 kg, Hebe), que pechará a participación galega o 14 de maio. A deportista afronta o seu terceiro Europeo sénior coa ilusión de conseguir por fin unha medalla continental: “Chego con moitas ganas. Levo tempo traballando para chegar nas mellores condicións e creo que estou preparada”, explica. Entre as principais favoritas da categoría destaca á turca Nafia Kus, á alemá Lorena Brandl e á británica Lauren Williams.








