Tivemos choiva de medallas galegas no prestixioso Open de Holanda (G1), que se celebrou esta fin de semana en Eindoven. Na categoría sénior Alma PérezIván García lograron dous bronces e en júnior tivemos tres ouros (Sergio Troitiño, Ainoha García e Javier Otero), unha prata (Cloe Iglesias) e un bronce (Helena García) -esta última que viaxaba co seu club, o Dobok-.

 

Comezamos coa categoría sénior, na que Alma Pérez (-53, Suh Sport) logrou o bronce tras vencer en dous combates. En primeira rolda eliminou á danesa Jade Theresa Castillo de forma rotunda (26-9) e nos cuartos superou a alemá Julia Ronken, unha vella coñecida, á que non lle deu opción algunha (23-4). Na semifinal tivo como rival á rusa Tatiana Minina, número 1 do mundo e subcampioa olímpica en Tokio, dous veces subcampioa do mundo, varias veces campioa de Europa… Alma aguantou ben o primeiro asalto (2-2), pero no segundo recibiu unha patada na cabeza e caeu (6-2) e no terceiro a rusa pechou a vitoria de forma clara.

 

Ademais, Iván García (-87, Mat´s) subiu ao terceiro chanzo do podio, igual que Alma. En primeira rolda enfrontouse ao andaluz Julián Pérez, ao que coñecía por enfrontarse no Campionato de España, e Iván controlou o combate á perfección para gañar 2-10. Nos cuartos, o rival foi Cem Ynlusoy (Alemaña), co que competira en Polonia, e nova vitoria sinxela para o noso deportista (0-17). Na semifinal tivo un rival complexo, o cabeza de serie número 1 do torneo, Maicon Siquiera (medallista olímpico en Río e medallista mundial). Era un rival ao que lle apetecía moito enfrontarse, xa que sabía da súa valía e o combate estivo moi igualado, aínda que finalmente se decidiu a favor do brasileiro por 9-7.

 

Na categoría júnior, magníficos resultados para os deportistas galegos, que ían convocados pola Federación Española, para preparar o Campionato de Europa da categoría que se celebrarán dentro dunhas semanas. Sergio Troitiño, Javier Otero e Ainhoa García foron ouro, mentres que Cloe Iglesias logrou a prata.

 

Sergio Troitiño (+78, Mat´s) acadou a primeira posición neste Open despois de superar tres combates, ante contrincantes de gran envergadura física.  Na primeira rolda enfrontouse ao francés Rayanne Mannai, ao que Troitiño superou claramente (22-5). Na semifinal o rival era Kirills Gatsins, un competidor de Estonia que compite por Alemaña. Novamente, o galego non tivo problema algún para vencer (6-18) e meterse na final. E nesta última loita do día Sergio venceu con rotundidade ao deportista de Gran Bretaña, Taimn Othman (16-3), e así subiu ao máis alto do podio.

 

Javier Otero (-45, Kae Sport) tamén logrou o ouro. Comezou a competición ante Miles Johnson (USA) e aínda que entrou un pouco frío, foi aumentando a intensidade para resolver cun contundente 21-7. En semifinais enfrontouse a Len Beekman (NED) e Javier saiu concentrando dende o inicio, coa clara intención de non darlle un respiro ao oponente. Así, 18-1 para o galego. Na final esperaba o número 1 do ranking europeo o ucraniano Maksym Manenkov, que ademais foi campión do mundo 2019 e campión de Europa 2020, pero novamente Javier estivo impecable. Despois dun primeiro asalto de estudo do rival, nos dous seguintes non lle deu opción e gañou 30-18.

 

O terceiro ouro galego foi para Ainoha García (-68, Couto), que entrou directamente nas semifinais onde tivo como rival á alemá Julika Zimmerling. Foi un combate moi axustado, pero no que finalmente se impuso a galega por 6-9. Na final, esperaba unha compañeira da selección española, a andaluza Irene Montero, pero a nosa taekwondista non lle deu opción algunha para acadar a vitoria por 8-19 e así o título no Open de Holanda.

 

Cloe Iglesias (-63, Patiño) tamén fixo un gran papel neste Open e quedou moi preto do ouro. Na primeira rolda enfrontouse a alemá Edda Kettel, e a deportista do Patiño foi moi superior (11-1). Na semifinal, a rival foi a sueca Tindra Andersson e foi un combate bastante axustado, pero no que Cloe soubo gardar a vantaxe e lograr a vitoria por 7-4. A final foi ante a potente Vivana Marton (Hungría), que foi campioa de Europa, e Cloe non puido superala. Prata para Cloe Iglesias!

 

Ademais, hai que destacar o bronce de Helena García (+68, Dobok) que viaxou co seu club e acadou a medalla de bronce. Nos cuartos de final superou á representante de Gran Bretaña Nikki Etminani nun axustado combate (9-8) e na semifinal caeu ante Esmeralda Husovic (Alemaña) por 2-8, que foi quen finalmente acadou a medalla de ouro.

 

 

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email