O Pavillón de Deportes “Puerta de Santa María” de Cidade Real acollerá esta fin de semana (23 e 24 de maio) o Open de España de Técnica e Freestyle e o Campionato de España sub 21, unha dobre cita do taekwondo español, na que o taekwondo galego loitará por ser protagonista.
Sub 21
O día 23 de maio haberá dobre sesión. Pola mañá terá lugar o Campionato de España sub 21 de combate, que contará cunha inscrición de 247 participantes.
A selección galega está formada por 30 taekwondistas (15 homes e 15 mulleres), que viaxan coa intención de volver subir ao podio. O equipo galego conta con fantásticos integrantes, acostumados a loitar polas primeiras posicións, non só en España senón en citas internacionais. Iso si, notarase a ausencia de Sergio Troitiño, que non acude a este campionato por prevención, tras disputar hai só uns días o Europeo sénior (no que logrou a medalla de prata) e que rematou con algunha molestia.
Na seguinte ligazón tedes a convocatoria galega.
https://www.taekwondogalego.es/seleccion-sub21-23-05-26/
Ano 2025
Galicia proclamouse o pasado ano, en Valladolid, campioa de España sub 21 na clasificación xeral por equipos, trala suma dos resultados individuais. Galicia foi primeira na categoría masculina e segunda na feminina, o que lle permitiu proclamarase campioa de España e con moita vantaxe sobre a segunda (Cataluña). En total, as e os nosos taekwondistas lograron seis ouros (Sergio Troitiño, Adrián Salanova, Javier Otero, Helena García, Carla Sesar e Elisa Fernández), unha prata (Iago Mallo) e dous bronces (Ekaterina Rebón e Irene Rodríguez).
Open de España de Técnica e Freestyle
O Open de España dividirase en dous días. O sábado 23, pola tarde, terá lugar a competición de freestyle, mentres que o domingo será a quenda para a técnica. Así, en total participarán no Open de España 100 taekwondistas galegos.
A continuación tedes a convocatoria para a competición:
https://www.taekwondogalego.es/open-espana-tecnica/
En 2025, Galicia arrasou no Open de España de Técnica que se celebrou en Valladolid. A Federación Galega logrou proclamarse campioa por equipos en todas as modalidades: No Open de España de Técnica Infantil, adulto e Freestyle.








