Esta fin de semana celebrouse en París o prestixioso Open de Francia (G-2) cunha importate presenza de deportistas galegos e un bo botín de medallas para Galicia. Na categoría júnior, ouro para Helena García; pratas para Mateo Boudjenane e Javier Otero e na sénior, prata para Irene Montemuiño e bronce para Desirée Rivadulla.

 

Categoría júnior

O ouro foi para Helena García (+68, Dobok) que venceu nos tres combates do peso. En primeira rolda enfrontouse á francesa Elora Meyeour Mourot, á que venceu en dous asaltos, nun combate moi sólido. Nas semifinais, volveu verse as caras con outra representante francesa Lydia Zekraqui, onde Helena volveu estar moi firme para impoñerse 2-0. Na final esperaba a representante de Gran Bretaña Umaymah Mohamed, unha deportista moi corpulenta, pero a coruñesa volveu facer un traballo moi serio para vencer sen contemplacións (2-0). Fantástica actuación de Helena que logrou o ouro!

 

Mateo Boudjenane (-68, Boud Sport) logrou a medalla de prata no Open de Francia despois de facer un fantástico campionato. Nos cuartos de final venceu a Gabriel Guaso (Italia) por 0-2, nas semifinais a Baptiste Dussan (Francia) tamén en dous asaltos e na final atopouse co serbio e actual subcampión do mundo júnior, Zarko Krajisnik . Foi un fermoso combate, no que o serbio gañou o primeiro asalto (6-2), Mateo se levou o segundo (7-12) e o terceiro caeu do lado do serbio por 6-4.

 

Pola súa banda, Javier Otero (-51, Kae Sport) tamén subiu ao segundo caixón do podio. Javi, que saía dunha lesión, aínda está a adquirir un bo to de competición, pero o certo foi que non se notou moito. En primeira rolda venceu por 2-0 a Ly Aaron (Francia) e posteriormente eliminou a Lennon Thompson (Gran Bretaña), tamén en dous asaltos e con claridade. Na semifinal superou ao alemán Jasper Kattai e so foi superado por Feyyaz Gumus (Alemaña), un vello coñecido, xa que se enfrontaron no Open de Holanda. Foi un fermoso e competido combate que caeu a favor de Gumus en tres asaltos.

 

Na categoría sénior, prata para Irene Montemuíño (-62, Natural Sport), que fixo un total de catro combates e nunca baixou os brazos e loitou cada asalto. Na primeira rolda superou a Helmi Harkonen (Finlandi) por 2-1, e posteriormente á británica Laura Goebel (2-1). Na semifinal enfrontouse á e española Marta Calvo e novamente, despois dunha axustada loita, vitoria para a galega. A final foi ante a canadense Leonarda Andric, pero nesta oportunidade Irene non puido superala (2-0).

 

Por último, tamén na categoría sénior, destacar o bronce de Desirée Rivadulla (+73, Suh Sport), que non puido superar na semifinal a Morgan Curtis, de Gran Bretaña.

Print Friendly, PDF & Email