Galicia brillou no Campionato de España Sub-21 disputado a pasada fin de semana en Cidade Real. A nosa selección pechou unha gran competición acadando o primeiro posto por equipos nas categorías masculina, feminina e na xeral. Este éxito chegou grazas aos metais acadados polos integrantes do equipo galego: Cinco ouros (Adrián Salanova, Javier Otero, Carla Sesar, Elisa Fernández e Helena García), catro pratas (Ekaterina Rebón, Adrián Davila, Iago Mallo e Tiago Torea) e dous bronces (Yaiza Rivadulla e Roi Fraga).

 

Proclamáronse campións de España sub 21 cinco taekwondistas galegos (tres mulleres e dous homes), que revalidaron o título acadado en 2025. En -53 quilogramos subiu ao máis alto do podio Elisa Fernández (Garrapucho), quen superou  nos cuartos de final á valenciana Alejandra del Amo en dous asaltos, para avanzar así ás semifinais. Aí encontrouse coa madrileña Sofía García e este foi o combate máis complicado, que tivo que decidirse en tres asaltos, pero Elisa foi firme e logrou a vitoria para plantarse na final. Anna Ibars (Cataluña) foi a súa rival no último combate e Elisa resolveu en dous rounds para conseguir o ouro.

 

Carla Sesar (-57, Natural Sport e adestrando no CGTD) tamén volveu acadar o título de campioa de España sub 21, igual que o pasado ano. A taekwondista do Natural gañou un total de catro combates e todos en dous asaltos. Nos oitavos de final superou a Olatz Unzueta (Euskadi); nos cuartos a Lucía Luis (Canarias); na semifinal a Marta Domínguez (Cataluña) e na final a Alicia Alonso (Canarias).

 

Pola súa banda, Helena García (Dobok) logrou o título de campioa de España sub 21 en –73 quilogramos. A deportista do Dobok gañou a Yaiza Patiño (Castela a Mancha) nos cuartos de final, tendo que retirarse Patiño antes do final. Na semifinal enfrontouse á valenciana Vanesa Dinu (tamén tivo que abandonar antes de tempo) e na final esperaba Andrea León (Baleares). Helena foi moi superior nesta loita, que solventou en dous asaltos, sumando así un novo título de campioa de España.

 

Adrián Salanova (-68, Maniotas) tivo que facer catro combates para subir ao máis alto do podio e resolveunos todos en dous asaltos. Comezou o campionato ante Izán Sanchís (Valencia); nos cuartos enfrontouse ao madrileño Rommel Veiga e logrou a clasificación para as semifinais onde esperaba Oriol Fábregas. Novamente, Salanova foi moi superior e acadou o pase a final, na que se enfrontou a Iván Albert (Valencia), que rematou cunha nova vitoria en dous asaltos do noso deportista.

 

En -54 quilogramos houbo final galega, na que Javier Otero (Natural Sport) superou a Adrián Davila (Kae Sport). Otero tamén fixo un total de catro combates e logrou impoñerse en todos sen necesidade de ir ao desempate. Nos oitavos venceu a Kimetz González (País vasco); nos cuartos a  José Antonio Gálvez (Murcia) e na semifinal a Anwar Benteib (Cataluña), para acadar así o pase á final galega, onde esperaba Adrián Davila, ao que tamén superou en dous rounds

 

Pola súa banda, Adrián Davila (Kae Sport e adestrando no CGTD), para chegar á final, antes superou en oitavos de final a Francisco Piña (Baleares), Gabriel Rodríguez nos cuartos de final e na semifinal a Alberto Castro (Madrid), a todos eles en dous asaltos.

 

Ekaterina Rebón (-62, Número Phi e adestrando no CGTD) tamén acadou a medalla de prata no Campionato de España sub 21. Venceu a tres rivais en dous asaltos (Blanca Dieste de Baleares, a navarra Irune Jiménez e a catalá Carlota Hidalgo) e só caeu na final ante a valenciana Rocío Anahi Hernández.

 

Iago Mallo (-87, Tao) tamén subiu ao segundo chanzo do podio, despois de perder na final ante Saúl Acosta (Canarias) en dous asaltos. Con anterioridade, superou a Ramón Guasch (Cataluña) e Álvaro Hernández (Cataluña), en dous asaltos.

 

Tiago Torea (-58, JFR) logrou o subcampionato de España sub 21 tras superar tres eliminatorias. O deportista do JFR gañou nos oitavos de final a Ismael San (Valencia) en dous asaltos, posteriormente eliminou a Benito Frontino (Andalucía) por 2-0 e na semifinal venceu a Marcos Pazos (Baleares) en tres rounds. Na final, Tiago perdeu ante De Alex (Cataluña)  en dous asaltos.

 

Por último, compre sinalar os dous bronces galegos, que foron para Yaiza Rivadulla (-73, Costado Boiro) e Roi Fraga (-74, Nº Phi e adestrando no CGTD).

 

Ademais, tamén hai que destacar a representación da arbitraxe galega nesta importante cita, coa participación de Iago Gil, Adrián Maceiras, Concepción Martínez, María Bautista, Odhra Di Martino, Pepe Martínez e Artai Pazos.

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email