Galicia logrou a medalla de prata na clasificación xeral por equipos e o ouro na clasificación feminina do Campionato de España de combate, que se celebrou hoxe en Torrelavega. Os nosos deportistas acadaron cinco ouros (Sara Cortegoso, Alma Pérez, Arlet Ortiz, Tania Castiñeira e Iván García), unha prata (Pablo Patiño) e catro bronces (Elisabeth Piedras, Desirée Rivadulla, José Fernández e Junior Luciano Martínez).

 

Espectacular a actuación da selección galega feminina. Sara Cortegoso (Mace Sport) logrou a medalla de ouro en -46 quilogramos, tras vencer en tres combates de forma moi contundente. Sara superou en primeira rolda a Selena Ortega (Baleares) por 20-10, posteriormente eliminou en semifinais a Blanca Calvo (Valencia) por máis de vinte puntos  (32-11) e na final gañou a Noelia Grau (Valencia) por 21-14.

 

Alma Pérez (-52, Suh Sport) volveu facer outro campionato de escándalo para lograr o título na categoría sénior. En primeira rolda venceu a Laura Bonals (Cataluña) por 7-4, a continuación eliminou a Natalia Ruedas (Castela a Mancha) con superioridade (25-10) e a semifinal gañou a Marian Real (Canarias) por 20-7. Na final fixo o mellor combate,  contra á, ata ese intre, campioa de España sénior. Alma venceu 3-30 e confirmou a súa enorme progresión.

 

Espectacular o campionato de Arlet Ortiz (-57, Mat´s) que logrou o ouro tras vencer en catro combates de forma clara. En primeira rolda superou a Arene Rementería (Castela e León) por vinte puntos de diferenza (20-0). A continuación gañou a navarra Alison Forgan por 8-4 e así logrou o pase a semifinais, onde eliminou con contundencia á andaluza Andrea Teodora (22-4). Na final enfrontouse á cabeza de serie número 3, a madrileña Pilar Martín, e nuevamente Arlet non deu opción. Así logrou o título con moi boas sensacións e vencendo a xente coa que perdera en algún momento.

 

Tania Castiñeira (+73, Hebe) logrou proclamarase campioa de España tras superar a Nerea Martín (Canarias) de forma moi contundente (1-25). Na semifinal venceu á madrileña Miriam Ortega sen paliativos (6-26) e rematou o seu campionato enfrontándose na final á súa compañeira de adestramentos no CAR de Barcelona, Belén Morán. Foi un combate moi emocionante que se decidiu finalmente a favor da galega por 3-2. Desta forma, Castiñeira ponse no primeiro posto do ranking.

 

O único ouro masculino chegou por parte de Iván García (Mat´s), que agora compite no peso pesado. No primeiro combate enfrontrouse ao andaluz Moisés Herrera e foi complicado, sobre todo pola diferenza de peso, pero finalmente Iván logrou gañar 4-17.

 

En segunda rolda loitou contra Antonio Artal (Aragón), o seu compañeiro de adestramentos en Madrid e campión de España 2019. Este combate, entre dous deportistas que se coñecen á perfección, foi moi axustado, pero finalmente inclinouse a favor do galego por 1-3. Na semifinal, gañou a Chang (Cataluña) por case vinte puntos de vantaxe (27-10) e rematou o seu torneo vencendo na final a Genis Gisbert (Cataluña) por 17-10. Este triunfo permite ademais a Iván adiantar a Artal no ranking nacional.

 

A medalla de prata galega foi para Pablo Patiño (-68, Patiño), que fixo un torneo increíble o se quedou moi preto do ouro. En primeira rolda superou a Yonder Peña (Cataluña) por vinte puntos (2-22), e nos cuartos de final venceu ao representante de Valencia tamén con comodidade (1-12). Na semifinal tiña como rival a un referente, José Antonio Rosillo, e o certo foi que o galego fixo un excepcional combate e gañou con claridade (9-24). A final foi contra Raul Corredor (Madrid) y foi un combate moi rifado que se decidiu pola mínina a favor do madrileño (11-12). Enorme prata para Pablo!

 

E rematamos con catro bronces galegos. José Fernández (-74, Natural Sport Riveira) venceu en dous combates de forma clara para plantarse nas semifinais, onde tivo como rival a Daniel Quesada (Cataluña). O galego non puido con Quesada (18-7), quen ao final logrou o título de campión de España.

 

Pola súa banda, Junior Luciano Martínez (+87, Neka) logrou o bronce tras vencer nos cuartos de final a Daniel Murillo (Aragón) por 1-3. Na semifinal non puido con Genis Gilbert (19-10).

 

E na categoría feminina dous bronces máis. Elisabeth Piedras (-73, Patiño) subiu ao último chanzo do podio tras gañar nos cuartos a Zurine Padilla (Euskadi) por 1-9. Na semifinal non puido con Carlota Zanoni, que foi a que se proclamou campioa de España. E rematamos co bronce da novísima Desirée Rivadulla (+73, Suh Sport), que superou á representante de Valencia nos cuartos (1-0) e perdeu na semifinal contra Belén Morán nunha axustada loita (2-0).

 

Noraboa a todas e todos!!!!

Print Friendly, PDF & Email