Dúas medallas para as taekwondistas galegas presentes na President´s Cup júnior, que se está a celebrar esta fin de semana en Antalya (Turquía). Cloe Iglesias (-59, Patiño) acadou a medalla de prata, mentres que Diana Siota (-49, Couto) foi bronce e ambas lograron a clasificación para o Europeo júnior.
Cloe Iglesias, no seu cambio de categoría, realizou un campionato espectacular. Con só 14 anos tivo que enfrontarse a tres rusas para lograr a prezada medalla de prata. En dezaseisavos tivo como rival á turca Hatice Erdogan, á que superou nun axustado combate (2-3). En oitavos atopouse coa primeira rusa, Uliana Popova, á que gañou por 13-9. Nos cuartos volveu enfrontarse con outra rusa (Elizabeta Surkova) e venceu con moita claridade (3-12). Xa coa medalla no peto, enfrontouse á francesa Kanélya Carabin, nun combate moi intenso no que a galega volveu a amosar o seu bo facer (14-8).
Chegou a final e novamente a rival era unha rusa, nesta ocasión Anfisa Lazareva. Cloe estaba un pouco cansa, xa que acababa de rematar a semifinal, mentres que Lazareva descansara, porque non se presentou a súa rival en semis. Ao final, vitoria para a rusa (14-3).
Mentres, Diana Siota logrou o bronce tras disputar catro combates na President´s Cup. En primeira rolda enfrontouse á rusa Elizabeta Trubnikova e a galega gañou nun axustado combate (8-6). Nos oitavos de final vitoria moi cómoda para Diana, que foi moi superior á turca Caglanur Muzac (15-7).
Nos cuartos de final, a taekwondista do Couto volveu ter como rival unha turca, Ayse Sule Baskir e Diana estivo arrolladora (20-0). E así confirmou a medalla e a clasificación para o Europeo, principal obxectivo dos nosos deportistas. Na semifinal esperaba a ucraína Sofiia Khobtar, pero nesta ocasión Diana non puido seguir coa racha de triunfos e perdeu por 6-11. Gran traballo, bronce e praza para o Europeo júnior.
Desiree Rivadulla (+68, Suh Sport) caeu nos cuartos de final contra a rusa Kristina Adebaio. Ata aí, un traxectoria limpa e moi contundente. En primeira rolda, Desiree superou a Jwana Sadek (Jordania) por un claro 15-3. En oitavos enfrontouse a Aysenur Bozkurt (Turquía) e a galega foi moi superior (7-0). Nos cuartos de final enfrontouse a Kristina Adebaio (Rusia) e caeu nunha axustadísima loita (2-5).
Sara Gacio (-55, Boudsport) gañou o primeiro combate contra Azra Bihan Macit (Francia) con cerca facilidade (11-3) e perdeu nos oitavos contra Dzhavriiat Alieva (Rusia) por 11-5.
Ainoha García (-59, Couto) tamén tivo a mala sorte de enfrontarse á rusa Anfisa Lazareva na segunda rolda e caeu plantando cara ata o final (7-4).
Mañá domingo será a quenda para Javier Torrado (-59, Suh Sport), Pablo Patiño (-63, Patiño), Alejandro Paz (-55, Natural Sport), Giovanni Imparato (-51, Mace Sport). Xunto a eles estarán os seleccionadores Tito González e Raúl Bouzas.