Esta fin de semana estase a celebrar o Open de Holanda (G2) e na xornada de hoxe tivo lugar a competición sénior con dúas medallas para o taekwondo galego. Desirée Rivadulla (+73, Suh Sport) acadou a medalla de prata, mentres que Irene Montemuíño (-62, Natural Sport Riveira) foi bronce.

 

Desirée Rivadulla (+73) clasificouse para a final, despois de superar na semifinal a Famke Kloosterman (Holanda) por 2-0. No primeiro asalto Desi foi moi superior, e no segundo tocou sufrir un pouco máis, para impoñerse no último segundo e pechar así o triunfo.

 

A final foi contra Marlene Jahl (Austria), número 1 neste campionato. O primeiro asalto estivo moi igualado de principio a fin, pero caeu a favor da austríaca por 2-3. No segundo, Jahl logrou puntuar cunha acción arriba no inicio e a pesar de que Desi tratou de remontar non puido e a vitoria foi para Marlene por 2-0. Fantástica prata para Rivadulla!

 

E moito mérito tivo o bronce de Irene Montemuíño (-62) que fixo un total de tres combates. En oitavos de final superou con claridade á alemá Antonia Beck, nun combate dominado pola galega dende o inicio. Nos cuartos, esperaba Safia Salih (Marrocos), que saía co número 2 do Open. Irene mostrouse moi sólida en defensa impedindo que Salih lograra puntuar, mentres que Montemuíño acertou en varias accións de tres puntos para acadar a vitoria por 2-0.

 

Xa na semifinal enfrontouse a número 3 do torneo, Jolanta Tarvia (Letonia), nun combate moi axustado. No primeiro asalto, impúxose a letona pola mínima e no segundo rematou con empate, pero favorable a Tarvia, que acadou o pase á final.

 

Print Friendly, PDF & Email