Serán doce os taekwondistas galegos (e o técnico Toño Ríos) que participen a vindeira semana nos Campionatos de Europa sub 21 e Cadete, que se celebrarán en Tallín (Estonia) do 24 ao 27 de agosto.
A expedición galega partiu dende Santiago onte domingo, pero foi un voo complicado (con retraso e treboada), polo que perderon o enlace en Frankfurt. Así que tocou facer noite en Alemaña e hoxe continúan a viaxe ata Tallín.
Na categoría sub 21 contamos con nove participantes: Arlet Ortiz (-57, Mat´s), Yadira Reimúndez (-55, Mat´s), Cloe Iglesias (-62, Patiño), Ainoha García (-67, Couto), Tania Castiñeira (+73, Hebe), Desiree Rivadulla (+73, Suh Sport), Nuria Cernadas (+73; Natural Sport), Pablo Patiño (-68, Patiño) e Adrián Salanova (-74, Maniotas).
O día 25 arrinca a competición coa participación galega coas tres deportistas no peso pesado feminino (Tania Castiñeira, Desiree Rivadulla e Nuria Cernadas) e as dúas de -57 (Arlet Ortiz e Yadira Reimúndez). Tania é a nosa deportista máis experimentada e laureada, xa que nos dous últimos Europeos sub 21 conseguiu medalla: En 2018 foi prata e en 2019, bronce.
Na categoría cadete teremos a tres representantes que son Nadia Bouzas (-37, Kae Sport), Noa Romero (-44, Natural Sport) e Pablo Torrado (-41, Suh Costado), que competirán o día 26 de agosto.
As e os nosos deportistas estiveron preparando esta importante cita durante o verán: primeiro cunha concentración da Federación Española no Centro de Alto Rendemento de Murcia e despois cun stage en Manzaneda da Federación Galega.