A selección galega feminina proclamouse subcampioa de España na clasificación por equipos, despois de sumar dous ouros, dúas pratas e catro bronces no Campionato de España disputado hoxe en Benidorm.
Arlet Ortiz (-57, Mat´s) logrou a medalla de ouro tras vencer en catro combates. Comezou ante Anastasia Ignatyev (Comunidade Valencia) e a galega controlou en todo momento o combate para vencer por 7-2. En cuartos enfrontouse á andaluza Nabila Djeda, e Arlet foi tremendamente superior para pechar a loita cun contundente 23-3. Na semifinal veuse as caras con Elena Torres (Madrid) e Ortiz non dubidou para sumar unha clara vitoria (26-14) que a metía na final, onde esperaba María Vera (Baleares). Novo paseo de Arlet que hoxe demostrou unha enorme superioridade.
No peso pesado, dúas medallas para Galicia e ademais, título para Tania Castiñeira (Hebe), que defendía título. O primeiro combate de `Casti´ foi contra Zuriñe Padilla (Euskadi) e foi un trámite sinxelo para a galega (3-23). En semifinais atopouse coa madrileña Miriam Ortega e Tania non tivo problemas, nun combate moi controlado (2-14). E como non, repetiuse a final do pasado ano ante Belén Morán, dúas vellas coñecidas que adestran xuntas no CAR de Barcelona. Foi un combate espectacular e de moitas alternativas. Comezou perdendo a galega no primeiro asalto (0-4), pero tremenda remontada no segundo de Tania que logrou poñerse por diante (9-5). O terceiro asalto non foi sinxelo. Belén apurou as cousas e chegou a empatar, pero nos últimos segundos, Tania logrou facerse coa vitoria nunha gran acción (12-9). Neste mesmo peso, hai que destacar tamén o bronce de Desiree Rivadulla (Suh Sport), que logrou a medalla ao vencer a Clara Gea (Madrid) de forma moi clara (5-23). Na semifinal topouse con Belén Morán e plantou cara ata o final para decidirse o triunfo a favor da andaluza por so un punto (8-7).
Prata para Alma Pérez (-53, Suh Sport), tras facer un gran torneo. En primeira rolda superou a Beatriz Núñez (Murcia) con enorme superioridade (22-2) e continuou o seu camiño polo Campionato ante Paula Temina (Valencia) cunha nova clara vitoria (14-5). En semifinais Alma deu conta da madrileña Nerea Fernández (39-8). Ata aquí, un percorrido bastante sinxelo. A final, ante Laura Rodríguez (Castela a Mancha) foi tremendamente axustada e emocionante e se decidiu por so un punto (26-27), a pesar de que a nosa Alma foi por diante no marcador, con distancias curtas, durante a maior parte do combate.
En -46 quilogramos, medalla de prata para Sara Cortegoso (Mace Sport). A galega venceu á madrileña Laura García con claridade nos cuartos e superou nun axustado combate á catalá Gloria Ruíz. Na final Sara enfrontouse a Ana Jiménez (Andalucía) e non puido con ela, polo que tivo que conformarse co subcampionato de España.
María Ferreiro (-49, Couto) logrou a medalla de bronce ao vencer nos cuartos de final á madrileña Sandra García (22-8). María caeu derrotada ante Adriana Cerezo, que foi a campioa de España. Ainoha García (Couto) logrou o bronce en -67 quilogramos tras superar a Laura Paz (Euskadi) e á catalá Ana Martos. En semifinais perdeu contra Irene Montero (Andalucía) nun axustado combate.
E rematamos a colleita con Miryam García (-62, Patiño Moaña) que venceu a Irati Irigoyen (Navarra) e a Mar Machi (Valencia) con moita claridade. Así acadou o pase as semifinais onde esperaba a veterana Jone Magdaleno, que se impuxo á galega para despois ganar o título.