Esta fin de semana celebrouse en Belgrado o Open de Serbia, puntuábel para o ranking nacional absoluto de España e torneo WT G-1, e o taekwondo galego volveu brillar: Houbo dous ouros (Carla Sesar e Adrián Salanova); dúas pratas (Iván García e Tania Castiñeira) e un bronce (Javi Otero).

 

Adrián Salanova (-68, Maniotas) acadou o ouro despois de facer cinco combates impecables. En primeira rolda eliminou a Dorian Kondrajczak (Polonia) en dous asaltos e posteriormente, en oitavos, superou a Uros Turkulj (Serbia) tamén en dous rounds.  Nos cuartos enfrontouse ao seu compañeiro da selección Joan Jorquera (medallista europeo e mundial) a quen venceu en tres asaltos nun magnífico combate.

 

Do mesmo xeito, en tres rounds, pero xa en semifinais, gañou ao representante turco Berkay Erer. E así, só quedaba a final, onde esperaba o representante de Serbia Zarzo Krajisnike. Outra vez, Salanova estivo espectacular, nun combate de infarto ata os derradeiros segundos. Primeiro ouro para o galego no circuíto mundial!

 

A gran sorpresa chegou con Carla Sesar (-57, Natural Sport), aínda júnior, que se estreou en sénior, en principio para probar, e acabou levando un ouro e eliminando a grandísimas competidoras.

 

Na primeira eliminatoria Carla tiña como rival á turca Hatice Kubra Iljun, cabeza de serie número 1 do torneo e bronce nos Xogos de Tokyo,  e, a pesar de que a galega dixo que saíu nerviosa, o certo é que fixo un combate incríble, cun gran manexo da perna dianteira e aguantando os ataques da medallista olímpica. Foi o único combate que se resolveu en tres asaltos. Brutal!

 

En segunda rolda desfíxose doutra deportista turca, Edenur Celik, e segundo a deportista, foi o combate no que tivo mellores sensacións. En terceira rolda esperaba a terceira turca, Durdu,  e Carla volveu ser moi superior en dous asaltos, e acadou así o pase as semifinais. A checa e medallista europea Dominika Hronova (República Checa) foi a rival de Carla e foi un combate duro e disputado que a deportista do Natural resolveu en dous rounds (2-1 e 8-3). Xa na final esperaba a italiana Giada Ao Halwani (terceira cabeza de serie) á que venceu en dous asaltos, aínda que Carla recoñeceu que “tivo que ter moito coidado, porque se lle notaba a forza”. Pero ninguén podía frear a Carla en Belgrado, que subiu ao máis alto do podio.

 

Iván García (+87, Mat´s) acadou a medalla de prata no Open de Serbia, ao caer na final ante o turco Bicer, nun combate no que non se sentiu cómodo. Iso si, con anterioridade superou tres roldas para chegar á final. Iván comezou a competición fronte a Sergio Troitiño, compañeiro do Mat´s que competiu nun peso superior ao seu habitual, nun combate que se decidiu en dous asaltos. O primeiro caeu claro a favor de Iván e o segundo estivo bastante máis axustado, xa que ambos taekwondistas se coñecen a perfección.

 

En segunda, enfrontouse a Krystian Haremza (Polonia), un vello coñecido de Iván, que volveu vencer de forma moi clara en dous asaltos, nun combate moi divertido para o galego. Na semifinal o rival foi o grego Apostolos E Telikostoglou, que se resolveu en tres asaltos. No primeiro Iván foi moi superior, pero o segundo estivo moi axustado e o grego logrou que caera ao seu favor por un punto. O terceiro foi moi claro para o taekwondista do Mat´s. Na final, Iván non estivo moi metido e caeu a favor do turco. Moitos puntos para o ranking nacional.

 

Tamén acadou a medalla de prata Tania Castiñeira (+73, Hebe) que fixo un gran torneo en Belgrado, gañando dous combates en dous asaltos e con boas sensacións. A galega, que librou a primeira rolda,  enfrontouse na segunda a Aleksandra  Kowalczuk (Polonia) e venceu en dous rounds e de forma clara. Na semifinal volveu amosar unha gran seriedade e firmeza para imporse á turca Esra Akbulak por 2-0 e así meterse na final, onde Magdalena Matic (Croacia) gañou o ouro.

 

Javier Otero (-54, Natural Sport) logrou a única medalla de bronce  galega. Otero arrincou a competición ante  o esloveno Ozbolt Molj, ao que superou con comodidade en dous asaltos. A continuación, esperaba Murat Semih Tur Uzun (Turquía) e foi unha dura loita que se decidiu en tres asaltos moi axustados, con triunfo final do taekwondista galego. Así chegou á semifinal onde se enfrontou a outro turco, Furkan Ubeyde Camoglu, pero nesta ocasión o triunfo foi para Camoglu, quen ademais se proclamou campión do Open.

 

Ademais, Lois Tomás (-63) quedou moi preto das medallas. Gañou dous combates e perdeu nos cuartos de final ante o turco Dayioglu, que finalmente levou a medalla de ouro. Pola súa banda, Desireé Rivadulla (+73, Costado Boiro), que superou unha rolda, caeu nos cuartos de final ante a polaca Dagmara Haremza en tres asaltos e pola mínima.

 

Tamén participaron outros deportistas galegos como Arlet Ortiz, Alma Pérez, Helena García, Manu del Río ou  Ekaterina Rebón, que non puideron avanzar.

 

 

Print Friendly, PDF & Email