Catro medallas galegas no Open de España que se celebrou hoxe en Benidorm. Iván García (Mat´s) e Tania Castiñeira (Hebe) lograron o título nesta competición, mentres que Pablo Patiño (Patiño) e Arlet Ortiz (Mat´s) acadaron a medalla de bronce.

 

Novo triunfo de Iván García (+87 quilogramos, Mat´s) que leva unha tempada excepcional. En primeira rolda enfrontouse a Jonathan Laurent (Mauritania) e o noso taekwondista venceu de forma cómoda (9-1). Posteriormente veuse as caras de novo con Anthony Myla Obame e o deportista do Mat´s volveu superalo, nesta oportunidade por 11-0. Na semifinal tivo como rival ao francés Omar el Yazidi, e outra vez, triunfo cómodo para Iván, que non estivo apurado en ningunha rolda. Na final esperaba o croata Paskoa Bozic, de gran envergadura, pero outra vez tivo un combate sinxelo (13-4) para acadar a medalla de ouro no Open de España.

 

O segundo ouro galego foi para Tania Castiñeira (Hebe), que subiu ao máis alto do podio no peso pesado. A nosa deportista gañou tres combates e rematou o campionato contra a súa compañeira do CAR de Barcelona, Belén Morán.

 

En cuartos enfrontouse á galega Desireé Rivadulla, con vitoria para Tania por 6-8. En semifinais o cruce foi ante a representante croata Darija Zeljco, unha vella coñecida para Tania, que xa coincidira con ela no Open de Suecia. Castiñeira volveu ganar 5-10. E na final esperaba Belén Morán. Foi un combate moi axustado, no que quedou demostrado que ambas se coñecen á perfección, aínda que a final se decantou a favor da galega por superioridade.

 

Ademais, Pablo Patiño (-68, Patiño) logrou a medalla de bronce. En primeira rolda superou de forma clara a Agustín Mayor (Andalucía) e nos cuartos de final venceu ao francés Khali Aboulhassane nun axustado combate (7-10). Na semifinal tiña como rival ao español Marcos Caballero, pero como o galego tiña o xeonllo bastante tocado, decidiu non saír e quedouse así co bronce.

 

A última medalla foi para Arlet Ortiz (-57, Mat´s), que tivo que gañar tres combates para garantir a medalla de bronce. En primeira rolda superou claramente a búlgara Vanova (13-5) e posteriormente eliminou a Nabila Djeda (8-1). Nos cuartos de final tiña como rival a española Marta Calvo e foi un combate moi disputado e tenso, que finalmente caeu a favor da galega no punto de ouro (0-2). Xa estaba na semifinal e a rival era a marroquí Nada Laaraj, pero nesta oportunidade a taekwondista galega non puido impoñerse e quedou fóra da final (6-10). Merecidísimo bronce para Arlet.

Print Friendly, PDF & Email