As e os taekwondistas galegos tiveron unha destacada participación no Open de España G1 de combate sénior, celebrado esta fin de semana en La Nucía (Alacante), acadando un total de dúas medallas de ouro e catro bronces, ademais de varios postos de finalista.
Os títulos chegaron da man de Adrián Salanova (-68 quilogramos, Maniotas) e de Tania Castiñeira (+73 quilogramos, Hebe), ambos convocados pola RFET. Salanova completou un campionato impecable, gañando todos os seus combates en dous asaltos. No seu camiño ao ouro superou a Alejandro Cernadas, Rommel Veiga e Iker Abad, antes de vencer en semifinais ao serbio Zarko Krisnijik. A final non chegou a disputarse pola non comparecencia do seu rival Joan Jorquera.
Tamén brillou Tania Castiñeira, quen asinou unha actuación moi sólida, impoñéndose con claridade en todos os seus enfrontamentos por 2-0. No seu percorrido cara ao título superou a Violeta Pérez, a galega Desi Rivadulla e, na final, a unha competidora de Serbia.
En canto aos bronces, foron para Sergio Troitiño (-87, Mat’s), Javier Otero (-54, Natural Sport), Alma Pérez (-53, Costado) – os tres coa selección española – e Desireé Rivadulla (+73, Costado), esta última formando parte da selección galega.
Ademais, Galicia contou con varios representantes ás portas do podio, rematando en quinta posición: Carla Sesar (-57, Natural Sport), Tomasa Franco (-63, Natural Sport), Lucía Salanova (-63, Maniotas) e David Robleto (-80, Mat’s).
Noraboa a todas e todos os nosos representantes!








