Esta fin de semana (25 e 26 de abril) celebraranse os catro campionatos provinciais escolares de exhibición, técnica e freestyle, cun total de 1.300 deportistas inscritos das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil. O sábado 25 de abril terán lugar as probas de A Coruña e Lugo, mentres que as de Pontevedra e Ourense celebraranse o domingo.
O provincial de A Coruña disputarase no Pavillón municipal de Milladoiro, en Ames, o sábado a partir das 09:00 horas cunha inscrición de 177 taekwondistas e organizado polo club TKDenodo.
En Lugo, o campionato celebrarase no Pavillón da Pinguela de Monforte de Lemos, organizado polo Neka, e con 272 participantes.
E xa o domingo 26 chega o momento das probas de Pontevedra e Ourense. O anexo do Pavillón dos Remedios acollerá o provincial de Ourense cun total de 144 deportistas e organizado polo Couto, mentres que a proba de Pontevedra celebrarase en Ponteareas.
O provincial de Pontevedra, organizado por Sport Factory no Pavillón Álvaro Pino de Ponteareas, será a cita máis numerosa con máis de 700 taekwondistas, polo que se celebrará en dobre sesión de mañá e tarde.
Os provinciais son probas clasificatorias, polo que a metade mellor posicionada das e dos deportistas (a metade +1, se o total é un número impar) logrará o pase para o Galego Escolar, que está previsto para o mes de maio.








