Esta fin de semana celebraranse os catro campionatos provinciais escolares de técnica e freestyle, cun total de 1.150 deportistas inscritos das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil. O sábado 13 de abril terán lugar as probas de A Coruña, Lugo e Ourense, mentres que a de Pontevedra será o domingo.
O provincial de A Coruña disputarase no Pavillón municipal de Milladoiro, en Ames, o sábado a partir das 09:00 horas coa participación de preto de 200 taekwondistas e organizado polo club TKDenodo.
En Lugo, o campionato celebrarase no Pavillón Municipal de Taboada, organizado polo Neka, e con 211 inscritos. Pola súa banda, a proba de Ourense, que se celebrará no Anexo do Pavillón dos Remedios, contará con 56 deportistas e a organización recae no Couto. Ademais, en Ourense tamén terá lugar a Copa Deputación Lúdica.
E xa o domingo 14 chega o momento da proba de Pontevedra, que será a máis numerosa cun total de 700 taekwondistas e organizada polo club Muga Dojang. A cita é no Círculo Mercantil de Vigo e, dada a enorme participación, será en dobre sesión de mañá e tarde.
Os provinciais son probas clasificatorias, polo que a metade mellor posicionada das e dos deportistas (a metade +1, se o total é un número impar) logrará o pase para o Galego Escolar, que está previsto para o sábado 27 de abril en Vigo. Esta actividade está incluída no programa do Deporte Escolar Xogade, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo.