Esta fin de semana (14 e 15 de febreiro) celebrarase a XX edición da Copa Cidade da Coruña de Taekwondo no Coliseum da Coruña con algo máis de 600 participantes. Como todos os anos, a organización realizará unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da cidade herculina. Entrada de balde.

 

Neste gran evento haberá deportistas procedentes Asturias, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias e, por suposto, Galicia, ademais dunha importante presenza de taekwondistas de Portugal. O torneo é rankeable a nivel galego e ademais, a categoría máster, tamén será rankeable a nivel nacional.

 

A Copa Cidade da Coruña, organizada pola Escola de Taekwondo Garrapucho co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia, disputarase na modalidade de combate en todas as categorías (infantil, precadete, cadete, júnior, absoluto e máster).  Ademais en  infantil, precadete e cadete haberá Liga B, para que aqueles participantes que perdan no primeiro combate, poidan seguir competindo. Para a celebración de todos os combates disporanse 8 tapices octogonais no Coliseum e ademais haberá video-replay e petos electrónicos.

 

O sábado pola mañá (de 9 a 14:00 horas) celebrarase a competición das categorías infantil e júnior, mentres que pola tarde (de 15:00 a 21:00 horas) será a quenda para precadetes, sénior e máster. A Copa Cidade da Coruña finalizará o domingo pola mañá (de 9 a 13:30) coa disputa da categoría cadete.

 

Como todos os anos, a Escola de Taekwondo Garrapucho organiza unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da Coruña, con máis de 130 anos de historia. A entrada ao recinto será gratuíta, polo que a organización anima a todos os participantes no evento (deportistas, árbitros, técnicos e público) a doar alimentos non perecedoiros, que se entregarán a esta institución benéfica, que da comida aos máis desfavorecidos os 365 días do ano.

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email