Esta fin de semana (24 e 25 de febreiro) celébrase o Torneo Vila de Moaña, no que participarán case 1.000 taekwondistas pertencentes a clubs de Galicia, resto de España e Portugal, ademais de 77 árbitros, 118 técnicos e 160 voluntarios/as. En total 1.221 participantes.
Hoxe tivo lugar o acto de presentación do evento no Concello de Moaña, coa participación da alcaldesa Leticia Santos; o concelleiro de Deportes, Rubén Viéitez; e a directora do club organizador, Hebe, Noelia Pérez.
O evento disputarase os días 24 e 25 de febreiro no pavillón municipal de Reibón. A xornada do sábado estará adicada á modalidade de combate con case 500 participantes pertencentes a 44 clubs, 36 árbitros e 75 técnicos. Hai que destacar a participación dun selectivo de Perú, que busca a clasificación olímpica, así como de moitos clubs de fora de Galicia e dun deportista do equipo nacional de Cuba, que está a preparar o Mundial deste ano de Hong Kong.
De 9 a 13:45 horas competirán os participantes das categorías infantil, cadete, absoluto e máster, mentres que os precadetes e júnior farano a partir das 15:00 horas.
O domingo (a partir das 09:00 horas) será a quenda para os participantes de técnica (infantil e adulto), freestyle e exhibición, con 473 participantes representando a 33 clubs, 43 coach e 40 árbitros.
Este torneo é organizado polo club Hebe, en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e o Concello de Moaña.