Esta fin de semana (26 e 27 de novembro) celébrase o Torneo Vila de Moaña, no que participarán case 800 taekwondistas pertencentes a 44 clubs de Galicia, resto de España e Portugal, ademais de 77 árbitros, 126 técnicos e 105 voluntarios/as. En total, o Open, que regresa despois de dous anos de ausencia pola COVID, acollerá a 1.100 persoas.
Hoxe tivo lugar o acto de presentación do evento no Concello de Moaña, coa participación da alcaldesa Leticia Santos; a concelleira de Deportes, Dolores Chapela; e a directora do club organizador, Hebe, Noelia Pérez.
O evento disputarase os días 26 e 27 de novembro no pavillón municipal de Domaio. A xornada do sábado estará adicada á modalidade de combate con case 500 participantes pertencentes a 37 clubs, 33 árbitros e 97 técnicos. De 9 a 13:30 horas competirán os participantes das categorías cadete, absoluto e máster, mentres que os precadetes, infantil e júnior farano a partir das 15:00 horas (ata ás 21:00).
O domingo (a partir das 09:00 horas) será a quenda para os participantes de técnica (infantil e adulto) e freestyle, con 308 participantes e 44 árbitros.
Este torneo é organizado polo club Hebe, en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e o Concello de Moaña.