Esta fin de semana (11 e 12 de outubro) celébrase no Polideportivo da Fieiteira o XXV Open Cidade de Ribeira, torneo que forma parte do circuíto do ranking galego de combate nas categorías cadete, júnior e absoluta, do ranking da RFET e do ranking de Portugal. En total participarán uns 800 competidores/as, máis de 100 técnicos/as e 50 árbitros/as. Ademais da maioritaria presenza de taekwondistas galegos, hai que destacar a asistencia dun gran número de participantes de Portugal, deportistas franceses, así como da Selección Nacional de Costa Rica e a selección cadete de Madrid.

 

A competición comezará o sábado pola mañá coas categorías júnior e infantil, mentres que pola tarde continuarán coas categorías absoluta, máster e  precadete. O domingo pola mañá será a quenda para as e os cadetes.

 

Premios e recoñecementos

O domingo 12 realizarase a entrega dos premios “Con Naturalidade”, que recoñecen o labor de entidades e/ou persoas que poñen en valor o taekwondo, o nome de Ribeira ou de Galicia en diferentes ámbitos: deporte, arte, cine…

 

Así, na categoría de lendas, os premios son para Estefanía Hernández (campioa de Europa e medallista mundial) e Rui Bragança (dúas medallas mundiais, campión de Europa, olímpico…). Na categoría traxectoria deportiva recibirán o seu recoñecemento Carla Sesar, que está iniciando a súa vida deportiva cuns resultados magníficos (campioa de España júnior e sub 21 e clasificada para os Europeos júnior e sub 21, así como para o Mundial sub 21), e Iván García, un deportista consolidado que conta con magníficos resultados (subcampión do mundo, subcampión de Europa, campión do Grand Prix de Muju e recentemente clasificado para o Mundial absoluto) e que o ano pasado quedou as portas dos Xogos Olímpicos por unha inoportuna e grave lesión uns meses antes.

 

Na categoría voluntariado o premio foi para a Asociación Española Contra o Cancro Ribeira, polo seu labor e acompañamento as persoas enfermas, e a súa implicación e entrega no seu traballo.

 

E, para rematar, a categoría difusión da cultura, na que os premiados son Quico Cadaval, un Mestre da palabra, o humor e a memoria popular; e Heredeiros da Crus, unha banda de rock que marcou xeracións co seu estilo irreverente, auténtico e cheo de enerxía.

Print Friendly, PDF & Email