Esta fin de semana Jaén será o epicentro do taekwondo nacional, coa celebración do Campionato de España Júnior de Combate, o Open de Andalucía de Técnica e o Campionato de España de Parataekwondo. En todas as probas estará representado o taekwondo galego.
O Campionato de España Júnior celebrarase o sábado 5 de marzo coa participación da selección galega júnior, que viaxa co obxectivo de loitar polo podio. Este ano o equipo feminino vai moi renovado por cambio de categoría, aínda que as novas xeracións chegan con forza. O equipo masculino está máis consolidado, porque repiten moitos deportistas do pasado ano, xa con experiencia tanto nacional como internacional nesta categoría. Xunto coa selección estarán os técnicos Modesto González, Pablo Carou, Lúa Piñeiro, Daniel Torrado e Raúl Bouzas.
O pasado ano, Galicia logrou a segunda posición na clasificación xeral por equipos, e na categoría feminina, do Campionato de España Júnior, que se disputou en Cartagena (Murcia). En total houbo tres ouros, cinco pratas e seis bronces para os integrantes da selección galega.
Na seguinte ligazón tedes a convocatoria da selección galega para este campionato de España.
https://www.taekwondogalego.es/cpto-espana-xunior-05-03-22/
Open de Andalucía de técnica. O domingo 6 de marzo disputarase o Open de Andalucía de técnica, que é a última proba clasificatoria para o Campionato do Mundo de Korea de abril. Galicia acode con 11 deportistas, case todos eles con posibilidades de clasificarse para o Mundial (actualmente Galicia xa ten 27 deportistas clasificados). No Open de Andalucía tratarán de buscar a súa praza para o Mundial Lucas Yelo (Kiap), en cadete masculino, e Laura Álvarez (Neka), en júnior feminino. En parella de freestyle + de 18 anos, Manuel Paz e Bárbara Di-Martino (Hebe), loitarán por eses puntos para estar no Mundial e tamén Óscar Rey (Kiap) en máster 3. Completan a convocatoria Yaiza Velo, Alejandro Losada García, Laura Vázquez, Celia García, Samuel Alves e Uriel Pereira, xunto aos técnicos Noelia Pérez e José María Vega. A continuación, tedes a ligazón con toda a convocatoria.
https://www.taekwondogalego.es/open-andalucia-06-03-22/
Campionato de España de Parataekwondo. O mesmo domingo celebrarase o Campionato de España de Parataekwondo, no que por vez primeira participará a selección galega.
Son tres os deportistas que competirán neste torneo e que viaxan acompañados polo responsable do departamento de técnica de parataekwondo, Víctor Costado. Fran Rodríguez defenderá o título acadado no ano 2019, mentres que Paula Treus (15 anos) e Javier Fernández (53 anos) son novos nestas lides.