Esta fin de semana celebrarase no Pavillón dos Remedios de Ourense o Open Cidade de Ourense e a Copa Deputación de Ourense con preto de 600 inscritos/as (deportistas e técnicos/as), ademais do medio centenar de árbitros/as.
O sábado 17 de decembro terá lugar o Open Cidade de Ourense de combate, que será puntuable para o ranking galego. A competición desenvolverase en sesión de mañá (de 9:00 a 13:00 horas) para os cadetes, sénior e máster, e de tarde (de 15:00 a 19:00 horas) para precadete e júnior.
O domingo 18 estará adicado á técnica e o freestyle. Dentro o Open Cidade de Ourense, a competición de técnica e freestyle tamén será puntuable para o ranking galego. Ademais, celebrarase a Copa Deputación de Ourense, para as categorías amateur de técnica.
A competición, organizada polo club Couto en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo, o Consello Municipal de Deportes de Ourense e a Deputación de Ourense, desenvolverase nos cinco tapices dispostos no Pavillón dos Remedios.