Finalizou o Mundial de Wuxi coa participación das galegas Alma Pérez (-53, Costado TKD Boiro) e Arlet Ortiz (-62, Mat’s). Nesta ocasión non houbo medallas para as nosas taekwondistas, pero si sumaron unha nova experiencia internacional, medíndose cos e coas mellores deportistas do mundo.

 

Alma Pérez (-53) competiu hoxe e caeu eliminada nos oitavos de final. Na primeira rolda enfrontouse á coreana Hye Jin Park nun combate moi axustado que se decidiu en tres asaltos. Alma gañou o primeiro (3:1), escapóuselle o segundo (4:6) e impúxose con claridade no terceiro (7:2). En oitavos esperaba Po-ya Su (China Taipei) e, outra vez, foi unha loita tremendamente igualada que tivo que ir ao desempate, onde Su logrou a vitoria por rexistros. Unha mágoa, pero gran traballo da galega fronte a unha rival á que xa se enfrontou en varias ocasións e que sempre lle resultou complicada, aínda que nos últimos combates a vitoria de Alma estivo moi preto.

 

Pola súa banda, Arlet Ortiz (-62) caeu fronte á xordana Razan Mohammed Alrawashdeh en dezaseisavos de final. O combate estivo cheo de emoción e igualdade ata o final: os dous primeiros asaltos tiveron que resolverse por rexistros (o primeiro a favor da xordana e o segundo para Arlet) e todo se decidiu no terceiro, tamén moi axustado e que puido caer tanto dun lado como do outro. Finalmente, Alrawashdeh conseguiu puntuar nos últimos intres e levar a vitoria.

 

Print Friendly, PDF & Email