Galicia logrou a primeira posición na clasificación por equipos femininos e a segunda posición na clasificación xeral por equipos do Campionato de España Júnior, que se disputou esta fin de semana en Benidorm. En total foron 3 ouros, 3 pratas e 8 bronces para as e os nosos deportistas. E non podemos esquecer que Galicia tamén estivo representada en Benidorm polas nosas árbitras Antía García, Odhra Di Martino, María González e María Bautista.

 

Categoría feminina

A selección feminina tivo unha actuación espectacular cun total de 3 ouros (Ekaterina Rebón, Carla Sesar e Noa Romero), 2 pratas (Alba Rey e Lucía Salanova) e 6 bronces (Tomasa Franco, Elisa Fernández, Ainhoa Teira, Irene Rodríguez, Ada Hermelo e Carlota Fernández).

 

En -59 tivemos final galega! Ekaterina Rebón (Número Phi) logrou a medalla de ouro, tras superar na final á súa compañeira de selección Lucía Salanova (Maniotas). Antes Ekaterina gañou en cuartos a Elena Luis (Galicia) e na semifinal a Marta Domínguez (Cataluña). Pola súa banda, Lucía chegou a final despois de vencer a Carmen Aguilar (Andalucía) e Blanca Dieste (Baleares).

 

Tamén houbo dobrete en -55, con Carla Sesar (Natural Sport) como campioa de España e Tomasa Franco (Natural Sport) no terceiro chanzo do podio. Carla fixo un total de catro combates e, por suposto, con catro vitorias. A galega eliminou, unha a unha, a Natalia González (Castela a Mancha), Ruth Sanz (Cataluña), Laura Nieto (Canarias) e Martina Di (Valencia). Pola súa banda, Tomasa gañou a Irene Soriano (Aragón), Elvira Martínez (Castela e León) e Elena Martínez (Murcia) para confirmar a súa medalla de bronce. Na semifinal caeu derrotada ante a valenciana Martina Di.

 

En -52 quilogramos, dúas medallas máis! Nesta ocasión as protagonistas foron Noa Romero (Natural Sport) que logrou proclamarse campioa de España e Elisa Fernández (Garrapucho), quen foi bronce. Noa fixo un total de catro combates para poder subir ao máis alto do podio. Gañou a Irene Morales (Canarias), Marta Roldán (Baleares), Eva Blesa (Cataluña) e, na final, a  María Herráiz (Valencia). Pola súa parte, Elisa superou a Paula García (Canarias) e Julia Maya (Aragón), pero non puido na semifinal con María Herráiz.

 

A segunda prata galega foi para Alba Rey (Boudsport) en -68 quilogramos. Alba foi superando roldas (á catalá Nayala Silva e á canaria Valeria León), pero non puido vencer a Nuria Gelabert (Cataluña) na final, polo que se proclamou subcampioa de España.

 

E faltan por contar catro bronces más. En -49 quilogramos, Ainhoa Teira (Natural Sport) e Irene Rodríguez (Costado) ocuparon o terceiro chanzo do podio. Ainhoa gañou a Naia Maite Sainz (Euskadi) e Muriel Llopis (Cataluña) e perdeu na semifinal ante Alicia Alonso (Rioxa), quen finalmente se proclamou campioa de España. Pola súa banda, Irene Rodríguez eliminou a Naroa Ballestero (Euskadi) e Julia Martínez (Valencia), pero non puido con Judith Córdoba (Cataluña).

 

E finalizamos a colleita de preseas femininas, cos dous bronces en -46 quilogramos. Ada Hermelo (Hebe) e Carlota Fernández (JFR) foron bronces. Ada gañou á estremeña Sara Gómez e perdeu na semifinal ante Gema Gálvez (Andalucía); mentres que Carlota Fernández venceu a Claudia Tamargo (Euskadi) e caeu contra Violeta Díaz (Valencia).

 

Categoría masculina

Na categoría masculina houbo unha prata e dous bronces. En -45 quilogramos tivemos un dobrete coa prata de Adrián Davila (Kae Sport) e o bronce de Víctor Videla (Natural Sport). Adrián tivo que superar tres roldas para chegar á final. Gañou a Aitor Barbero (Cantabria), Miguel Fuentes (Andalucía) e Izán Oliva (Estremadura). Na final perdeu con Andreas Sandro Lepape (Cataluña).

 

Polo outro lado do cadro, Víctor Videla superou dúas eliminatorias (o murciano José Antonio Gálvez e o valenciano Gabriel Rodríguez)  ata que se encontrou con Andreas Lepape na semifinal.

 

E para rematar, o último bronce foi para Hugo Maya (O Couto) en -59 quilogramos. Foi un bronce moi disputado para o que tivo que gañar tres combates (Iván González, Mario Buzón e Marcos de Lucas), pero a súa traxectoria foi freada por Alexander Jakobyan (Madrid), quen se proclamou campión de España.

 

 

Print Friendly, PDF & Email