A Federación Galega de Taekwondo arrasou no Campionato de España Cadete, que se celebrou o sábado en Tarragona. Galicia acadou a primeira posición por equipos nas categorías masculina, feminina e na xeral. En total, a nosa selección logrou seis ouros (Nicolás Casas, Dani Abeijón, Arianna Deibe, Alba Figueira, Ainara Piñeiro e Ángela Balado) e seis bronces (Mateo Calo, Lucas Martín, Alejandro Quintela, Keila Crujeiras, Sofía Rodríguez, Julia Gómez).

 

Na categoría feminina, houbo catro ouros e tres bronces galegos. En -41 quilogramos desfrutamos dun dobrete galego. Alba Figueira (Boud Sport) proclamouse campioa de España tras gañar catro combates. Superou a Irati Unanue (A Rioxa) en primeira rolda, a Adriana Lara (Baleares) nos cuartos; á andaluza Daniela Fernández na semifinal e rematou gañando a Iris García (Madrid) na final. Pola súa banda, Julia Gómez (Kwon) logrou a medalla de bronce. Caeu na semifinal ante a madrileña Iris García, e con anterioridade eliminou a Doaa Ech-Chafiy (Valencia) e Julia Nadal (Baleares).

 

Ainara Piñeiro (Natural Sport) logrou o ouro en -29 quilogramos, tras superar a tres rivais. Venceu a Valeria Amat (Andalucía), María Oliver (Cataluña) e na final a Rocío Maseres (Valencia).

 

E seguimos cos ouros galegos. Arianna Deibe (Kwon) alcanzou a primeira posición gañando catro combates. Por esta orde, foi eliminando a Carla de la Llave (Estremadura), Ainara García (Madrid), Ouiam Halhoul (A Rioxa) e á andaluza Edurne Pérez, na gran final.

 

E rematamos coas campioas de España galegas con Ángela Balado (Mat´s), no peso pesado (+59). Ángela tamén tivo que superar catro roldas para acadar a primeira posición. Venceu a María Martín (Aragón), Selva Pleguezuelos (Cataluña), Valeria García (Andalucía) e finalizou o torneo gañando na final a Alicia Palomino (Castela a Mancha).

 

E a colleita de medallas galegas na categoría feminina remata con dous bronces máis. Keila Crujeiras (Malamia) subiu ao podio en -59, tras vencer á madrileña Ángela Lelly Arias, pero caeu na semifinal ante África Pereñíguez (Murcia), que finalmente se proclamou campioa de España.

 

O último bronce foi para Sofía Rodríguez (Kwon) en -44 quilogramos. Sofía superou a Inés Barea (Navarra) e Sara Díaz (Castela a Mancha), pero non puido con Nora Touali (Canarias) na semifinal.

 

Categoría masculina

 

A selección cadete masculina logrou a primeira posición na clasificación por equipos con dous ouros e tres bronces. Nicolás Casas (Mace Sport) proclamouse campión de España en -49 quilogramos tras vencer a catro taekwondistas. Gañou en primeira rolda a Daniel Iradier (A Riouxa), despois a Izán García (Valencia) e a Oliver Soler (Andalucía). Na final enfrontouse a Sergio Moral (Cataluña) e Nicolás acadou o título.

 

O segundo ouro galego masculino foi para Dani Abeijón (Natural Sport), que tamén gañou a catro rivais para subir ao máis alto do podio. Venceu a Pere Mir (Baleares), Marc Peligros (Aragón), Luca Sminchise (Madrid) e na final a Marc Soldado (Cataluña).

 

E os tres bronces galegos foron para Mateo Calo, Lucas Martín e Alejandro Quintela. Mateo Calo (Malamia) subiu ao podio en -65 quilogramos tras vencer a Ángel Simón (Valencia) en cuartos de final e caer na semifinal ante Emilio López, de Castela a Mancha.

 

En -61, Lucas Martín (Tao) acadou a medalla de bronce tras vencer a Pedro Molina (Baleares) e nos cuartos da final a Daniel Ortiz (Aragón). Perdeu na semifinal ante o valenciano Valentino Dicario, quen finalmente se proclamou campión de España.

 

O último bronce galego foi para Alejandro Quintela (Número Phi) en -33 quilogramos. Superou dúas roldas –Alejandro Rodríguez (Andalucía) e Enzo Sánchez (Murcia) –  . Perdeu na semifinal ante Naim El Machi (Canarias).

 

 

Print Friendly, PDF & Email