A selección galega logrou onte en Alacante a primeira posición na clasificación xeral por equipos no Campionato de España sénior de combate, despois da suma dos resultados das categorías masculina (primeiros) e feminina (segundos). Galicia conseguiu un total de 14 medallas (tres ouros, cinco pratas e seis bronces). Os ouros foron para Arlet Ortiz, Sara Cortegoso e Iván García, mentres que houbo cinco pratas (Manu Parada, Pablo Fernández Eiras, Miryam García, Adrián Pombo e Sofía Pérez) e seis bronces (José Fernández Rey, Lorena Pardo, Junior Luciano Martínez, Lúa Piñeiro, Elena Pérez e Tania Castiñeira).

Sara Cortegoso (-46, Mace Sport) revalidou o título acadado o pasado ano. A galega comezou con algúns nervios, pero foi de menos a máis, para rematar cun novo título.

Venceu en primeira rolda á balear  Selena Ortega por 18-14 e logrou así o pase aos cuartos onde esperaba Gloria Rodríguez (Cataluña). Foi un combate moi vistoso, no que a galega logrou impoñerse con facilidade, despois dun inicio máis axustado (10-30). Na semifinal a deportista pontevedresa superou á representante de Madrid, Laura Muñoz por 32-20 e logrou así o pase para a final.

A final foi contra Ainara Pérez (Castela a Mancha) e a galega comezou por detrás no marcador por tres puntos. Pero coma sempre, Sara tivo a cabeza moi fría e foi remontando para rematar vencendo por 12-15 nun enfrontamento con moita tensión.

Arlet Ortiz (-57, Mat´s) proclamouse campioa de España sénior, nunha competición moi dura e esixente. A galega comezou o torneo fronte a Rocío Merino (Madrid) e tivo que esforzarse ao máximo xa que no inicio ía por detrás no marcador. Pero Arlet remontou e superou esta rolda por 7-9.

Na seguinte eliminatoria a nosa deportista fíxose dano e xa arrastrou molestias no resto da competición. A pesar diso, soubo medir as súas forzas para ir gañando, a pesar de que lle custaba moverse. Neste segundo combate venceu a Andrea Bosh (Cataluña) por 6-10. A semifinal era moi importante, xa que Ortiz enfrontábase a número 2 do ránking español, a deportista de Castela a Mancha Rosa Rodríguez.  Foi unha loita moi axustada, na que Arlet sempre foi por diante pero con distancias mínimas e que rematou cun 9-12 a favor da galega. Na final, contra Tamara Miguel (Valencia) o combate comezou bastante axustado, pero Arlet soubo xogar co resultado e nos instantes finais, logrou ampliar a distancia aproveitando os ocos que deixou a rival (4-13). Así, título para a galega que da un paso moi importante para clasificarse para o Mundial.

Iván García (-87, Mat´s) logrou o terceiro título con sabor galego. Iván venceu no primeiro combate a un rival coñecido e perigoso, Alex Mas (Cataluña). O galego sabía que tiña que facer un traballo moi coidadoso, para evitar que lle pillara nas contras, e á vez forte, e así o fixo, logrando a vitoria por 14-9. Na semifinal superou a Manuel Guillén (Murcia), un rival moi duro. O combate estivo igualado ata o último asalto, no que Iván logra impoñerse (12-9). Na final, novamente tivo que enfrontarse a un catalán, Alassana Diarra, moi forte no aspecto físico. Diarra logrou poñerse por diante cun puño no pescozo, pero o galego non baixou os brazos e pouco a pouco foi remontando ata finalizar cun triunfo claro  (14-4). Ouro para Iván.

 Manuel Parada (-68, Natural Sport Riveira) tamén fixo un magnífico campionato, quedando moi preto da medalla de ouro. En primeira rolda superou a Ferrán Codés (Navarra) con certa comodidade. Posteriormente venceu a Arkaitz Rodríguez (Castela e León) nun axustado combate (9-11) e nas semifinais eliminou a Raul Corredor (Madrid) por 10-15. A final foi contra José Antonio Rosillo (Baleares) e a loita estivo moi igualada ata os instantes finais, nos que Rosillo logrou levarse o título (15-11). Magnífica prata para Parada.

 Adrián Pombo (-80, Natural) rematou o campionato con magníficas sensacións e moi satisfeito do feito nos catro combates disputados. O galego quixo agradecer o traballo dos seus adestradores, Juanlu Martínez e Adrián Jiménez, na planificación do traballo e dos combates. Adrián venceu a Ismael Fernández (Cataluña) e Guillermo Villarejo (Euskadi) ns primeiras roldas, para chegar ás semifinais contra o valenciano Rubén Martínez, un grandísimo rival que xa vencera ao noso deportista con anterioridade. Pero a táctica prevista funcionou a perfección e Pombo foi moi superior (8-25). Na final, contra Álvaro Leo (Andalucía), foi un combate tremendamente axustado, no que Adrián foi por diante no inicio. Pero despois atascouse un pouco e non atopaba por onde meter o puño e así, gañou Leo por dous puntos (10-12).

Sofía Pérez (-73, Natural Sport Riveira) proclamouse subcampioa de España tras gañar a Paula Homar (Cataluña) por 4-11 e á canaria Adriana Hernández na semifinal, tamén de forma ampla (8-14). Na final non atopou a forma de frear a Cecilia Castro, de Madrid, que foi superior para lograr o ouro.

Pablo Fernández Eiras (+87, Mat´s), con moi boas sensacións, logrou a medalla de prata tras vencer en dous combates a Félix Martín (Castela a Mancha) de forma cómoda (9-14) e a Genis Gisbert (Cataluña), nun combate moi físico que gañou de forma axustada (11-12). Na final, o galego non puido co seu compañeiro do CAR, Antonio Artal (Aragón), que onte estivo mellor.

 Miryam García (-62, Patiño) tivo o ouro na súa man e só se lle escapou no punto de ouro. En primeira rolda venceu con comodidade á María Ferrer (Aragón)  por 18-6, e logrou o pase aos cuartos de final onde esperaba Ainoa Díaz (Castela a Mancha). O combate estivo apertado nos dous primeiros asaltos, pero no terceiro a nosa deportista atopou os ocos para puntuar e solventou con facilidade (7-1). Na semifinal ante María Jiménez, a representante andaluza, Miryam levou a iniciativa durante todo o combate e sempre ía por diante no marcador. Pero nos últimos segundos, a andaluza logrou achegarse moito, aínda que a galega soubo manter a distancia e lograr o pase á final (13-12).

Natalia Moreno (Cataluña) era a rival na final e Miryam perdeu no punto de ouro, despois de ir ganando nos tres asaltos. A catalá logrou empatar a 9 no último suspiro e forzar o punto de ouro, no que logrou impoñerse. Prata para a galega.

Neste mesmo peso, Lorena Pardo (-62, Garrapucho), logrou a medalla de bronce. No primeiro combate enfrontouse a Ana Sánchez (Baleares), onde a galega comezou perdendo no primeiro asalto, pero remontou no segundo e foise por diante con facilidade (28-16). Os cuartos, contra Leyre Zugazaga (Madrid), foron espectaculares. Pardo comezou perdendo 0-4, pero foi remontando ata lograr forzar o punto de ouro, no que logrou impoñerse. Na semifinal, a deportista do Garrapucho perdeu contra Natalia Moreno (Cataluña) por 3-12.

José Fernández Rey (Natural Sport Riveira) acadou a medalla de bronce en -74 quilogramos despois de vencer en dous combates e caer nas semifinais contra Joan Cintado, que despois se proclamou campión de España. Jose gañou a Rubén Buenaño (Madrid) de forma rotunda (19-2) e posteriormente a Carlos Gutiérrez (Andalucía) por 12-5. A semifinal contra Cintado foi moi axustada e só se decidiu no punto de ouro a favor do valenciano.

Junior Luciano Martínez (Neka) foi bronce no peso pesado, tras vencer a Joel Joan Catalina (Cataluña) nos cuartos (6-26) e caer na semifinal contra Antonio Artal (32-9), que ao final logrou o ouro (ante Pablo Fernández Eiras).

Lúa Piñeiro (-67, Natural Sport) venceu nos cuartos de final a Yaiza Soiza (Andalucía) por 4-3 e na semifinal a galega tivo como rival a Jone Magdaleno (Castela e León). Lúa comezou o combate moi centrada, pero Magdaleno logrou impactarlle arriba e xa non tivo opción de empatar. Bronce.

Elena Pérez (-46, Natural Sport Riveira) gañou en dous combates para garantir a súa medalla de bronce. En primeira rolda superou a Alba Bricio (Navarra) de forma rotunda e posteriormente gañou a Noelia Grau (15-13). A semifinal, contra Ainara Pérez (Castela a Mancha) se lle escapou nos últimos segundos, xa que foron igualadas ata o final. Unha pena, pero merecidísima medalla de bronce para Elena, que debutaba nun Campionato de España sénior.

 Tania Castiñeira (-73, Hebe) perdeu na semifinal contra Aída Martínez (Valencia) nun combate moi axustado.  A galega comezou mandando no marcador, pero a valenciana remontou cunha patada arriba e, arriscando nos intres finais, escapóuselle o marcador (3-7).

 

 

Print Friendly, PDF & Email