Non puido ser mellor a volta. Galicia regresou ao campionato de España de Técnica e Freestyle coa mesma forza do pasado ano e repetindo dominio. A Federación Galega de Taekwondo logrou en Benidorm o primeiro posto na clasificación xeral por equipos tanto en técnica como en freestyle.
Técnica
Pola mañá disputouse, en Benidorm, o Campionato de España de Técnica, con magníficos resultados para as e os deportistas galegos.
En cadete, Lois Calo (Natural Ribeira) e Yaiza Velo (TKD Sada) acadaron a medalla de bronce na competición individual. Ademais en trío, houbo unha prata (Aitor Teijeiro, Lucas Yelo e Pepe Soto) e un bronce (Yaiza Velo, Inés Abuín e Ainhoa Rodríguez).
Na categoría júnior, grandísimos resultados. Tomás Fernández (Tao) logrou a medalla de ouro, sendo prata Daniel Aréan (Neka), ademais na categoría feminina Laura Álvarez (Neka) conseguiu tamén proclamarse campioa de España. En parellas, máis éxitos para Laura Álvarez e Daniel Areán, que lograron o título. E por último, nesta categoría sinalar o bronce en trío que foi para Lucas Martínez, Aarón Bóveda e Adrián Antolín (Kiap).
Na categoría sénior, ouro para Alejandro Losada (Tao) e prata para o outro Alejandro Losada galego, do Neka, que levan anos cunha fermosa loita por acadar o posto máis alto do podio. Na categoría feminina, prata para Raquel Guillén (Tao), que logrou ademais o ouro en parellas xunto ao seu compañeiro de club, Alejandro Losada. E seguimos sumando éxitos! O trío formado por Alejandro Losada (Neka), Álvaro Portela (Hebe) e Carlos Rey (Neka) proclamouse campión de España en trío 1.
En sénior 2, bronce para Noelia Pérez (Hebe) e ouros para Esperanza Fernández (Couto) en master 2 e Óscar Rey (Kiap) en máster 3. Por último, sinalar o bronce acadado polo trío 2 formado por Pedro Mora, Nicolas Lasne e Juan José Costa.
Freestyle
Pola tarde continuaron os éxitos para o taekwondo galego no Campionato de España de Freestyle. En + de 18 anos, Manuel Paz (Hebe) e Celia García (Tao) lograron proclamarse campións de España na proba individual. Ademais, Paz repetiu éxito en parellas xunto á súa compañeira Bárbara Di Martino (Hebe) e en menos de 18 anos, máis éxitos para Galicia. Tomas Fernández (Tao) proclamouse campión de España na proba individual e o mesmo fixo na categoría feminina Irea Abuín (TKD Sada) e a parella formada por Ángela Paz e Iago Gil (Hebe), que tamén logrou o título. E rematamos cos quintetos, proba na que Galicia acadou unha prata (Rubén Galdó, Uriel Pereira, Ángel López, Zaida Velo e Elena Varela) e un bronce (Antón Sabín, Iago Gil, Hugo Sánchez, Iria Rodríguez e Mara Cid).