Galicia logrou a primeira posición na clasificación por equipos da categoría feminina no Campionato de España Cadete, que se celebrou onte en La Nucia (Alacante), con 300 deportistas inscritos. Hoxe disputarase o Campionato de España sub 21.

 

O equipo feminino estivo a un gran nivel logrando tres ouros e unha prata. Ekaterina Rebón (-59, Número Phi) acadou a medalla de ouro tras superar catro combates. En primeira rolda venceu á andaluza Lluvia Domínguez de forma rotunda (21-3) e continuou imparable ante Jamie Medina (Castela a Mancha) con outro marcador claro (23-3). A semifinal foi a loita máis igualada, contra a valenciana Rocío Anahí (2-5), pero a galega tamén soubo moverse en distancias máis curtas e logrou o pase a final, onde esperaba Paula Jiménez (Andalucía). Novamente, vitoria galega por 10-6, e ouro para unha imparable Ekaterina.

 

En -44 quilogramos, Noa Romero (-44, Natural Sport Ribeira) logrou o título de campioa de España. O primeiro combate, ante Noelia Pulgarín (Baleares), foi fácil para a galega (26-1), que xa sufriu un pouco máis ante Martina Di Carlos (Valencia), pero sacou o combate adiante sen problema (17-12). En semifinais venceu á andaluza Alicia Núñez (12-6) e rematou coa final ante Daira Ruíz (Castela a Mancha), que se retirou tralo primeiro asalto cun contundente 21-0 a favor da galega. Unha vez máis, grande Noa Romero.

 

O terceiro ouro galego foi para Nadia Bouzas (-37, Kae Sport), que tamén fixo unha verdadeira exhibición. Venceu en primeira rolda a Lucía Pérez (Valencia) por 26-12. En cuarto eliminou á catalá Eva Florestano (11-24) e na semifinal volveu a ser moi superior ante Alicia Alonso (Federación Riojana), á que gañou por 17-8. Faltaba a final, onde esperaba Leire Echaniz (Federación Navarra) e novamente, Nadia non deu opción algunha á súa rival, para gañar e lograr a medalla de ouro no Campionato de España por 19-3.

 

Na categoría feminina tamén temos que sumar a prata de Ada Hermelo (-33, Hebe): Venceu nos cuartos de final a Carmen Galiano (Madrid) por 13-8 e na semifinal a Inés Domínguez (Castela a Mancha) con enorme superioridade (10-31). Pero na final, non puido coa andaluza Judith González, e tivo que conformarse coa prata.

 

Na categoría masculina houbo unha prata e catro bronces. A prata foi para Pablo Torrado (-41, Costado), que venceu en tres combates. En primeira rolda eliminou a Carlos Nicot González (Andalucía) con moita facilidade (35-9) e nos cuartos superou a Mario Ignacio Anghel (Comunidade Valenciana) tamén de forma clara (35-42). A medalla estaba asegurada, pero Pablo quería máis e na semifinal deu conta de Manuel Mendo (Extremadura), nun combate no que Pablo foi superior (33-13). A final, contra o catalán Neil Erikson Dalisay, foi moi competida ata o final, pero o triunfo foi para o catalán (18-16). Merecidísima prata para Torrado.

 

Neste mesmo peso, Roi Fraga (Número Phi) logrou o bronce. Venceu en primeira rolda a Marc Zurita (Comunidade Valenciana) con amplitude (31-21) e nos cuartos de final enfrontouse a Iván González (Castela a Mancha) acadando unha nova vitoria (13-5). Na semifinal chocou contra o catalán Dalisay e non puido frealo, polo que tivo que conformarse co bronce.

 

En -49, Hugo García (Costado) foi bronce tras superar a Dani Escudero (Castela a Mancha) de forma clara (1-22) e a Alejandro Royo (Baleares) por 18-13. Na semifinal caeu ante Diego García (Cataluña), que foi al final o que se proclamou campión de España.

E finalmente sinalar que en -37 quilogramos houbo dous bronces galegos. Víctor Videla (Natural Sport Ribeira) conseguiu a medallas tras eliminar a Hugo Salgado (Extremadura) e Miguel Ángel Sánchez (Baleares), pero foi derrotado na semifinal ante Hugo Grande (Comunidade Valenciana), que se proclamou campión de España. Pola súa banda, Adrián Davila (Kae Sport) tamén venceu en dous combates de forma rotunda. Superou a Koldo Sánchez (Rioja) e José Antonio Gálvez (Murcia), pero non puido con Jairo Agenjo (Valencia) na semifinal.

Print Friendly, PDF & Email