Magnífica actuación da selección galega no Campionato de España sub 21, que se disputou onte na Nucia (Alacante): Galicia logrou a primeira posición na clasificación por equipos da categoría feminina, o terceiro posto na masculina e o segundo na clasificación xeral. En total as e os deportistas galegos acadaron tres ouros, tres pratas e oito bronces.

 

Comezamos coa categoría feminina, na que as nosas deportistas acadaron un total de 2 ouros, 2 pratas e 3 bronces.

 

En -62 quilogramos tivemos unha interesantísima final galega. Cloe Iglesias (Patiño) acadou o ouro tras vencer en cinco combates. A galega comezou a súa competición ante Laura Casado (Castela e León) e venceu de forma contundente (22-2). A continuación superou a Aiza Sissoko (Baleares) por 3-9 e nos cuartos tivo o combate máis duro ante Neus Valbuena (Comunidade Valenciana), á que venceu no punto de ouro (0-2). Na semifinal a galega tivo como rival a Irati Irigoyen (Federación Navarra) e novamente Cloe logrou un cómodo triunfo (7-15). E para rematar, a gran final, na que a xoven deportista do Patiño se enfrontou a outra brava galega, Irene Montemuiño (Natural Sport Riveira). Foi un combate de moita tensión e moi axustado, no que ambas amosaron que se coñecen moi ben e finalmente o título de campioa foi para Cloe por so un punto de diferenza.

 

Con respecto a Irene sinalar que comezou a competición gañando a Malen Montero (Castela e León) por 3-23 e posteriormente superou a Ariadna Arrondo (Navarra) por 9-13, nun combate duro no que sempre levou a iniciativa a nosa taekwondista. Nos cuartos de final enfrontouse á catalá Julia Fernández e a deportista do Natural venceu por 12-8 con moi boas sensacións. Xa na semifinal, outra Navarra como rival, nesta oportunidade era Maialen Carvalho e triunfo contundente para a nosa deportista que comezou moi forte e logrou escaparse no marcador e despois manter a distancia (20-12).

 

Así chegou unha das dúas finais galegas, porque en +73 tamén tivemos final galega, onde  Tania Castiñeira (Hebe) foi ouro por tercer ano consecutivo, e a súa compañeira de selección Desiree Rivadulla (Suh Boiro) logrou a prata. Tania comezou o Campionato ante Verónica Placeres (Canarias), que cando ía perdendo por 7-0 decidiu retirarse. En semifinais enfrontouse á vasca Soraya Martín e novo triunfo da galega (5-2). E na final tiña como rival a Desiree Rivadulla e Tania logrou facerse co título por 7-4, nun combate no que levou a iniciativa. Rivadulla, polo outro lado do cadro, comezou o torneo cunha cómoda vitoria ante Yasmina Deniz (Andalucía) e na semifinal volveu ser moi superior a Silvia Boix (Cataluña), a que venceu por 1-10. No último combate, loita entre galegas e reparto de medallas entre dúas campioas.

 

Os bronces galegos femininos foron para Arlet Ortiz (-57, Mat´s), Alma Pérez (-53, Suh Sport) e María González (-49, Couto). Arlet superou no primeiro combate a Arene Rementería (Castela e León) por 18-11 e en cuartos a Alison Forgan (Navarra), nunha dura loita que caeu a favor da galega. Na semifinal, Arlet enfrontouse á valenciana Anastasia Ignatyev e, novamente nun axustado combate, o triunfo foi para a valenciana (11-13), que finalmente proclamouse campioa de España.

 

Pola súa banda, Alma gañou no primeiro combate a Carolina Arco (Andalucía) de forma contundente (8-28) e nos cuartos a Paula Termina (Valencia), pero caeu en semifinais ante Nerea Fernández (Madrid). E María González gañou a Andrea Rodríguez (Asturias) e a Sara Núñez (Andalucía), esta última no punto de ouro. Así logrou o bronce. Na semifinal cruzouse con Adriana Cerezo, a xoven deportista que vai representar a España nos Xogos de Tokyo e que está imparable, e non puido coa actual campioa de España.

 

Categoría masculina

 

A selección galega masculina logrou un ouro, unha prata e cinco bronces. Fantástica competición a de Pablo Patiño (Patiño) en -68 quilogramos para acadar o título de campión de España. Comezou o torneo ante Enrique Herrero (Madrid) e logrou unha vitoria moi clara (25-4). Posteriormente eliminou a Marcos Aguilar (Cataluña) e clasificouse para as semifinais, onde se enfrontou a Adrián Villa (Castela a Mancha) e logrou outro triunfo contundente (15-7). A final foi ante o valenciano Abdouni Abdelhamid e Pablo rematou a súa impecable actuación cun combate perfecto (12-3) para acadar a medalla de ouro.

 

Neste mesmo peso houbo outra medalla galega, que foi para Borja Domingo Franco (Natural Sport). Superou en primeira rolda a Pau Carles Fernández (Cataluña) por 11-8 e posteriormente a Diego Librado (Madrid) nunha axustada loita (4-3). Na semifinal enfrontouse a Abdouni Abdelhamid e, nun igualado combate, caeu pola mínima (6-5). Bronce para Franco.

 

Dani Corrales (-87, Patiño) venceu nos cuartos de final a Jorge Maillo (Castela e León) con comodidade (13-2) e na semifinal a Iván Mediavilla (Euskadi). Así, na final tiña como rival ao catalán Lucas Llopis e houbo un fermoso e competido combate que finalmente caeu a favor de Llopis (10-9). Magnífico traballo de Corrales, que sumou unha prata.

 

En -80, bronce para Brais Iglesias (Natural Sport) que gañou en cuartos a Aarón Carracedo (Castela e León) por 11-8 e perdeu na semi ante David García en un apertado combate que se decidiu no punto de ouro a favor do castelán.

 

Adrián Salanova (-74, Maniotas) logrou o bronce tras superar dous combates: En oitavos gañou a Michell Giovanni Sosa (Baleares) por 4-13 e nos cuartos a Luis Merino (Castela a Mancha) con rotundidade (6-23). Na semifinal perdeu ante Jesús Serrano (Andalucía). Giovanni Imparato (-58, Patiño) tamén foi bronce, tras vencer a Eneko Navascues (Navarra) e Sergio Guerrera (Castela a Mancha). Perdeu na semifinal ante Hugo Arillo, que foi o campión de España. E rematamos co bronce de Jesús Veiga (+87, Maniotas), que confirmou a súa medalla ao superar ao aragonés Murillo nos cuartos de final (13-5). Na semifinal, o galego perdeu ante Julián Pérez (Andalucía).

Print Friendly, PDF & Email