As e os nosos deportistas seguen a darnos alegrías no Open de España. Onte na competición júnior, pleno na clasificación por equipos. Galicia vence nas categorías masculina, feminina e na xeral, cun botín de 3 ouros, 3 pratas e 8 bronces.

 

Categoría masculina

Medalla de ouro para Javier Otero (-51, Kae Sport) no Open de España tras unha competición redonda con catro vitorias. O galego venceu a Dawit Santiso (Garrapucho), Pablo Jiménez (Andalucía), Víctor Navarro e na final a Francisco Pina (Federación Balear).

 

Mateo Boudjenane (-68, BoudSport) acadou a medalla de prata tras vencer en tres combates (superou a Raúl Tudor, Héctor Fernández e Alexander Plaipetch-Unes), para caer na final ante Zak Angell (Gran Bretaña).

 

Bronce máis que disputado de Anxo Pazos (Mace Sport) en -63 quilogramos. O galego tivo que gañar a tres rivais para garantir a medalla. Superou a Adrián Matilla, Mario Checa e ao británico Ben Harrison. Perdeu na semifinal ante Jorge Millán (do equipo nacional español) que foi o campión do Open.

 

Pablo Torrado (-48, Suh Sport) acadou a medalla de bronce tras vencer en dous combates ao seu compañeiro de club Rodrigo Caamaño e a Santiago Carretón (Taekwondo Alcalá). Caeu na semifinal ante Hugo Grande (Hankuk), que se proclamou campión.

 

En -45, Adrián Davila (Kae Sport) subiu ao terceiro chanzo do podio despois de superar a dous rivais (Andreas Lepape e Marcos Muñiz) e perder na semifinal ante Marcos Pazos (Federación Balear). O terceiro bronce galego foi para Daniel Gago (-78, Dobok).

 

Ademais, hai que destacar a prata de Radu Ciobanu (+78, Hebe), que competiu polo seu club e que fixo un gran traballo. Venceu a Saúl Acosta  e Franc Martínez e so perdeu na final contra Hivar Ramírez.

 

Categoría feminina

Dobrete galego en -49 quilogramos, con Noa Romero no máis alto do podio e Tomasa Franco na terceira posición. Noa Romero (Natural Sport) fixo un total de 5 combates e outras tantas vitorias para facerse co título. Foi eliminando progresivamente a Judit Aparici, Judith Córdoba, Marta Roldán, da Federación Balear, e Julia Martínez (Valencia). Así ata meterse na final na que superou á valenciana Violeta Díaz. Pola súa banda, Tomasa Franco (Natural Sport) gañou a Alba Candel, Eva Blesa e Belzuntze Curto, ata enfrontarse a Violeta Díaz na semifinal onde caeu derrotada nunha loita tremendamente axustada.

 

Ouro no peso pesado para Helena García (Dobok) que gañou á noruega Thea Wagsaether, Adriana Jalón (Andalucía) e na final a Inés de Benito, cunha gran claridade e comodidade.

 

Tamén houbo dobrete en -44 quilogramos, pero nesta ocasión foron unha prata e un bronce con cor galega. Irene Rodríguez (Suh Sport) logrou a prata e Ainhoa Teira (Natural Sport) o bronce. Irene gañou a tres rivais (Carmen Galiano, Daniela Giménez e Nagore Muñoz), pero non puido con Tania Ávila (Valencia) na final. Pola súa banda, Ainhoa venceu nos cuartos a Natalia Picazo e perdeu na semifinal ante Tania Avila.

 

Prata para Silvia Otero (Mat´s) en -46 quilogramos que superou á británica Caitlin Gillott e posteriormente na semifinal a Alicia Alonso. Na final non puido con Sofía García (Castela a Mancha) nun fermoso e axustadísimo combate.

 

Loitado bronce de Carla Sesar (Natural Sport) en -55 quilogramos. A galega tivo que vencer en tres combates para acadar esa terceira posición. Superou a Alejandra Gutiérrez, Lily Jean Montanari e á portuguesa Ana Adrego. Na loita por acceder á final caeu ante Mariia Romanenko (Ucraína), que foi a vencedora.

 

Alba Rey (-68, Boud Sport) logrou o bronce, tras vencer nos cuartos de final a Valeria León, de Tenerife. Na semifinal perdeu contra a andaluza Idaira Pérez.

Print Friendly, PDF & Email