Galicia logrou a primeira posición na clasificación xeral por equipos do Campionato de España Júnior, que se celebrou onte en Jaén. En total as e os nosos deportistas acadaron 6 ouros (Noa Romero, Javier Otero, Samuel Meilán, Adrián Salanova, Iago Mallo e Sergio Troitiño), 3 pratas (Silvia Otero, Sara Soneira e Helena García) e 3 bronces (Ekaterina Rebón, Carme Santamaría e Inés González), logrando a primeira posición na clasificación masculina e na xeral e a terceira na feminina.  E tamén queremos destacar a participación dos árbitros galegos Yago Bernárdez, Adrián Maceiras, María Bautista e Concepción Martínez.

 

Categoría masculina. Fantástico o papel da nosa selección, cun total de cinco ouros, o que lle permitiu acadar o primeiro posto na clasificación por equipos masculinos.

 

En -48 quilogramos, Javier Otero (Kae Sport) proclamouse campión de España. En cuartos de final eliminou a Vicente Frontino (Andalucía) con claridade (1-21); na semifinal deu conta de Rubén Navarro (Madrid) por 10-30 e na final superou ao andaluz Pablo Jiménez (10-18).

 

Ouro para Samuel Meilán (Tao) en -59 con catro magníficos combates. Superou a Juan Diego Jiménez (Andalucía) por 31-15; a Jordi Costa (Cataluña) por 23-9; a Iván Albert (Comunidade Valencia) por 16-7, para rematar na final ante Sergio Reguera (Castela a Mancha) no combate máis axustado por 14-19.

 

Adrián Salanova (-68, Maniotas, Noia) logrou o ouro cunha actuación incontestable, vencendo nos catro combates feitos. Comezou a competición ante Juan Rodríguez (Castela e León) cun contundente 25-3 e a continuación superou a Antoni Pujol (Federación Balear) por 18-24. Na semifinal o rival foi Abraham Rastrero (Andalucía) e novo triunfo do galego (1-31) para finalizar ante Ramón Benítez (Aragón) cun 35-13, que non deixa lugar a dúbidas.

 

En -78, Iago Mallo (Tao) logrou proclamarse campión de España tras vencer en tres fantásticos combates. En cuartos de final superou a Gabriel Arpe (Cataluña) de forma clara (22-8), na semifinal foi moi superior a Alejandro Martínez (Castela a Mancha) e na final deu conta de Mikel Fernández (Castela e León).

 

Os ouros galegos masculinos rematan no peso pesado con Sergio Troitiño (Mat´s) como gran protagonista. O galego venceu ao madrileño Miguel Ángel Pérez (23-0); na semifinal a Ayonal Hernández (Canarias) por 26-3 e na final a Lucas Vera (Canaria) por 10-1.

 

Na categoría feminina, Galicia acudía cun equipo moi renovado, pero aínda así acadaron magníficos resultados con 1 ouro, tres pratas e tres bronces, e a terceira posición na clasificación por equipos femininos.

 

O ouro galego feminino foi para Noa Romero (-46, Natural Sport), que segue imparable a pesar do salto de categoría. En primeira rolda eliminou á extremeña Adriana Nuevo (28-8), para continuar avanzando ante Maite Molina (Cataluña), á que superou por 28-8. A semifinal foi a proba máis dura para a nosa deportista, que se enfrontou a Ainara Rojas (Andalucía). A vitoria tivo que decidirse no punto de ouro, e Noa non fallou para avanzar ata a final, onde esperaba Irene Rodríguez, de Andalucía. Romero dominou (11-1) o combate dende o inicio e logrou o título de campioa de España.

 

En -44, Silvia Otero (Mat´s) conseguiu a medalla de prata. A galega non puido superar na final á catalá Ana López nun axustadísimo combate. Antes Silvia gañou a Elena Serrano (Andalucía) por 4-11 e á navarra Erkuden Moreno (6-17).

 

Dobrete galego en +68, con prata para Helena García (Dobok) e bronce para Inés González (Polc TKD International Team). Helena venceu a Nerea Esteban (Castela a Mancha) sen paliativos (12-0) e á andaluza  Yasmina Deniz (9-0). Na final non puido coa catalá Julia Fernández, nun axustado e fermoso combate que se decidiu por detalles (4-2). Pola súa banda, Inés venceu a Tesaida Morales (Canarias) cun claro 13-0 e a continuación á madrileña Irene Paños por 3-8. Julia Fernández tamén foi a verdugo da outra galega e tamén nunha loita moi axustada (2-5). Gran papel das nosas deportistas.

 

A terceira prata galega foi para Sara Soneira (BoudSport) en -55 quilogramos, con tres triunfos para plantarse na gran final. Gañou á extremeña Irene García (21-1); á Noelia Rodríguez de Castela a Mancha (10-18) e a Aitana Romero (Castela e León de forma moi contundente (19-41). Na final, a nosa deportista caeu derrotada ante Irene Maroto (Madrid) por 26-13.

 

En -59 quilogramos tivemos a dúas galegas no podio. Ekaterina Rebón (Número Phi) e Carme Santamaría (Natural Sport Ribeira) acadaron o bronce. Rebón gañou a Charlotte Gil (Cataluña) en primeira rolda por 19-4, e nos cuartos a Sofía Potapova (Euskadi) por 7-2. Caeu na semifinal ante Paula Pizarroso (Madrid) nun axustadísimo combate (10-12). Pola súa banda, Santamaría Superou á canaria Gerardine Herrera (1-24) e a Maitane Rábanos (Euskadi) por 1-21. Na semifinal caeu ante Luana Martón (Castela a Mancha), que foi a que se proclamou campioa de España.

 

 

Print Friendly, PDF & Email