Galicia proclamouse esta fin de semana, en Torrevieja, campioa de España sub 21 na clasificación masculina por equipos, mentres que foi segunda na categoría feminina e na xeral. En total, as e os nosos taekwondistas lograron catro ouros (Sergio Troitiño, Adrián Salanova, Noa Romero e Ekaterina Rebón), tres pratas (Javier Otero, Alex Pazos, Iago Mallo) e tres bronces (Silvia Otero, Yadira Reimúndez, Helena García).

 

Sergio Troitiño (-87, Mat´s) acadou o título de campión de España sub 21, na primeira competición tralo parón estival e a pesar de que estaba cun importante arrefriado. Ao ser cabeza de ser librou a primeira rolda e así so tivo que facer dos combates. Na semifinal enfrontouse a Aarón Marcos (Cataluña) e venceu en dous asaltos para alcanzar a final. Aí esperaba Alejandro Martín, (Comunidade Valenciana) ao que tamén superou con claridade en dous rounds. Desta forma, Sergio acadou o título de campión de España sub 21 por segundo ano consecutivo e logrou a clasificación para o Campionato de Europa que se celebrará en novembro.

 

O segundo ouro foi para Adrián Salanova (-68, Maniotas) que fixo un total de catro combates para lograr o título. Como cabeza de serie, librou a primeira rolda, para enfrontarse en oitavos a Aarón Antequera (Madrid), ao que superou en dous asaltos. Nos cuartos loitou contra o andaluz Adrián León e na semifinal fronte a madrileño Ignacio González, en ambos casos venceu con rotundidade en dous asaltos e facendo uns combates moi bos. O tamén madrileño Iker Abad, cabeza de serie número 3, foi o rival da final, e sen dúbida este foi ao combate máis disputado, que se decidiu en tres asaltos, pero Salanova rendeu a un gran nivel e sacou adiante a loita para proclamarse campión de España.

 

Ekaterina Rebón (-62, Nº Phi) logrou o título de campioa de España sub 21 no seu primeiro ano na categoría. A galega gañou un total de catro combates, Arrincou ante Malen Montero (Castela e León) cunha vitoria folgada (2-0), nos cuartos superou á catalá Martina Torréns, cabeza de serie, tamén en dous asaltos e na semifinal deu boa conta da navarra Irune Jiménez cun contundente 8-2 e 14-1. Así presentouse na final ante Elsa Secanell (Cataluña), quen eliminara con anterioridade á galega Irene Montemuiño. A loita polo ouro sería outro cantar. Elsa Secanell, unha competidora que foi ouro no campionato de España de clubs, comezou vencendo o primeiro round por 4-2. Nun axustadísimo segundo asalto, Katy tirou de corazón e coraxe para empatar no último segundo e levalo por rexistros. Xa no último asalto a caldense soltouse e derrotou á catalá alzándose co a medalla de ouro.

 

O cuarto e último ouro galego foi para Noa Romero (-54, Natural Sport), quen tamén tivo catro combates (todos resoltos en dous asaltos) para facerse co título. O primeiro foi ante a estremeña Irene García e Noa impúxose con claridade. A continuación enfrontouse a unha vella coñecida, Elena Martínez (Murcia), e venceu fácil (2-0). Na semifinal esperaba a madrileña Sofía García e novamente Romero controlou a perfección o combate para impoñerse sen necesidade de acudir ao desempate. Na final tivo como rival a Erika Babiano (Cataluña) e, a pesar de que a galega pensaba que ía ser máis complicado, volveu levar a iniciativa en todo momento para conseguir o ouro.

 

Pratas. Iago Mallo (-80, Tao) logrou a medalla de prata ao perder na final contra Mikel Fernández. Antes venceu a Juan Sebastián Bita (2-0), David Soler e na semifinal ao cabeza de serie número 1, David Plaza, ao que tamén superou en dous asaltos. Alex Pazos (-58, Taekanart) proclamouse subcampión de España sub 21 despois de vencer tres combates e só caer na final ante Jesús Fraile (2-0). No primeiro combate venceu a Domingo Sánchez (2-0), posteriormente a José Antonio Grau (2-1) e na semifinal a Brad Leandro Alvarado (2-0). Javier Otero (-54, Natural Sport),  cabeza de serie número 2, venceu en primeira rolda ao asturiano Enol Pérez en dous contundentes asaltos (2-0); posteriormente ao valenciano Hugo Grande nun combate moito máis axustado (1-2). Na semifinal superou ao andaluz Pablo Luque (2-0), para caer na final  ante Iván Escolar (Madrid) en dous asaltos. O primeiro estivo tremendamente igualado e todo se decidiu nos últimos segundos, mentres que no segundo Escolar gañou con claridade.  Prata para Otero.

 

Os bronces foron para Silvia Otero (-49, Ma´s), Yadira Reimúndez (-57, Mat´s) e Helena García (-73, Dobok).  Silvia superou dúas roldas para alcanzar a semifinal onde caeu ante Victoria Ventsislavova, quen finalmente logrou o título. Pola súa banda, Yadira tamén venceu a dúas rivais en dous asaltos para meterse na semifinal, na que espera Jada Van (2-0). E o último bronce foi para Helena García, que venceu a Sanae Baiza (2-1) para meterse na semifinal onde se enfrontou a Anne Vallo, pero non puido con ela. Vallo proclamouse campioa de España.

 

Print Friendly, PDF & Email