Galicia acadou a primeira posición na clasificación xeral por equipos no Campionato de España absoluto de combate, celebrado en Córdoba, ao sumar un total de 5 ouros, 2 pratas e 5 bronces. Ademais, logrou a primeira posición na clasificación masculina e o segundo posto na feminina.

 

Os ouros foron para Iván García (+87, Mat´s), Tania Castiñeira (+73, Hebe), Sergio Troitiño (-87, Mat´s), Arlet Ortiz (-62, Mat´s) e Alma Pérez (-53, Costado TKD Boiro).

 

Sergio Troitiño logrou o título de campión de España por segundo ano consecutivo en -87 quilogramos. O galego venceu en primeira rolda ao contrincante de Euskadi, Iván Mediavilla, en dous cómodos asaltos (8-0 e 9-0). Na semifinal loitou contra Alejandro Martín (Valencia) e novamente Sergio gañou en dous rounds de forma clara (10-0 e 14-0). Na final o rival era Cristóbal Pérez (Andalucía), quen se tivo que retirar por lesión no primeiro asalto, e Sergio proclamouse campión de España e sumou importantes puntos para o ranking do Mundial.

 

Pola súa banda, Iván García sumou o quinto título de campión de España. Na primeira rolda Iván venceu a Raúl Martínez (A Rioxa) con moita comodidade en dous asaltos, para posteriormente enfrontarse a Antonio Artal (Aragón), ao que superou tamén en dous rounds. Na final esperaba Raúl Corredor (Madrid) e foi o combate máis disputado. No primeiro asalto Iván gañou de forma cómoda, no segundo chegou a sorpresa, cando Corredor logrou remontar para impoñerse, pero no terceiro, Iván non lle deu a máis mínima opción, e superouno con claridade.

 

En -53 quilogramos, Alma Pérez arrincou o campionato fronte a Elsa Hernández (Madrid), que defendía o título, e foi sen dúbida o combate máis disputado. Fixeron tres asaltos, no primeiro venceu a galega por 4-1; perdeu o segundo de forma moi axustada (3-2) e logrou o triunfo no terceiro de forma clara (10-2). Nos cuartos de final, enfrontouse a Alicia Alonso (A Rioxa) e Alma venceu con claridade en dous asaltos . A semifinal foi contra Laura Bonals (Cataluña) e a galega superou esta rolda de forma clara en dous asaltos. E así, Alma logrou plantarse na final onde esperaba Sofía García (Madrid), que antes competía en -46 e foi campioa de Europa júnior e sub21. A pesar da entidade da rival, a taekwondista do Costado foi contundente e non lle deu opción, vencendo en dous asaltos (6-3 e 9-5).

 

E se Alma desfrutou moito deste torneo, o mesmo podemos dicir de Arlet Ortiz, quen asegurou que “facía moito que non tiña esta sensación. Paseino moi be e estou moi contenta”. Arlet fixo un total de catro combate para acadar o título. En primeira rolda superou a Arene Rementeria (Cantabria), unha vella coñecida á que superou en dous asaltos. Posteriormente, enfrontouse a Martina Di (Valencia), coa que xa competira o pasado ano, e a taekwondista galega foi superior e avanzou cara ás semifinais onde esperaba Martina Torrents (Cataluña). Outra vez, Ortiz superou á súa rival en dous asaltos, o primeiro un pouco máis axustado e o segundo, moi contundente (15-1). E así, chegou Arlet á final onde se enfrontou a Elsa Secanell, tamén catalá, é a que gañou en dous asaltos, o segundo máis axustado. Gran traballo de Arlet que da o primeiro paso para clasificarse para o Mundial.

 

Neste mesmo peso, hai que destacar o bronce de Ekaterina Rebón (Número Phi), que gañou dos combates. Superou a Irune Jiménez (Navarra) e Malén Montero (Castela e León) e se meteu nas semifinais, onde caeu ante Elsa Secanell.

 

No peso pesado feminino, un ano máis e xa van seis, logrou proclamarse campioa de España Tania Castiñeira. As sensacións de Tania neste torneo foron moi positivas e dominou os combates con claridade, gañando todos en dous asaltos. Tania venceu no primeiro combate a Xiomara Hernández (Castela a Mancha) e posteriormente deu boa conta de Julia Perales (Andalucía). Como xa sucedera o pasado ano, Tania enfrontouse na final a tamén galega Desi Rivadulla (Costado TKD Boiro) que, coma sempre, nos ofreceron o combate máis disputado e vistoso. O primeiro estivo moi igualado (4-3) e no segundo, Tania logrou gañar 2-0. Pola súa banda, Desi, antes da final, superou a  Yasmina Deniz (Andalucía) en dous cómodos asaltos e posteriormente venceu a Andrea Naiara León (Baleares) en tres rounds. Na final, coma sempre, plantou cara ante Tania e rematou o Campionato de España con moi boas sensacións.

 

A esta prata de Desiree Rivadulla, hai que sumarlle a de Adrián Salanova (-68, Maniotas Noia). Salanova fixo un total de catro combates. Gañou en primeira rolda a Ignacio González (Madrid) nunha fermosa e competida eliminatoria que se foi a tres asaltos. Posteriormente, loitou contra Pedro García (Baleares) e venceu en dous asaltos. Na semifinal superou a Iker Abad (Madrid) tamén nun competido combate que se decidiu en tres asaltos, e na final veuse as caras con Joan Jorquera (Cataluña) e tamén loitou ata o final (tres asaltos). Neste mesmo peso, houbo outra medalla galega. Pablo Patiño (Patiño) logrou o bronce tras superar a Antoni Pujol (Baleares), Nicolás Jiménez (Andalucía) i Alexander  Hakobyan Vardanyan (Madrid) en dous asaltos. Na semifinal, perdeu ante Jorquera.

 

En total houbo cinco bronces galegos: Ekaterina Rebón (-62, Número Phi), Pablo Patiño (-68, Patiño), Javi Otero (-54, Natural Sport), Iago Mallo (-80, Tao) e Ainhoa Teira (-49, Natural).

 

Javi Otero fixo en Córdoba tres combates: O primeiro foi contra Essobai Mohamed (Navarra) ao que eliminou en dous asaltos; no segundo deu boa conta de Vicente Frontino (Andalucía) tamén pola vía máis rápida e na semifinal caeu ante Hugo Grande (Valencia) en dous asaltos moi axustados (o primeiro perdeuno por gamchons e o  segundo 15-13).

 

En – 80 quilogramos, Iago Mallo (Tao) superou dúas eliminatorias para alcanzar as semifinais. Gañou a Pau Dorca (Cataluña) e Juan Antonio Millán (Murcia) e caeu ante o catalá Adria Madueño na semi. E para rematar, destacar o bronce de Ainhoa Teira (-49, Natural), que gañou a Julia Maya (Aragón) e Alba Ruiz (Valencia). Na semifinal tivo como rival á medallista olímpica Adriana Cerezo, ante a que perdeu, pero aprendeu e gañou experiencia cara ao futuro.

 

Print Friendly, PDF & Email