Magnífica actuación dos nosos equipos cadete e júnior na primeira xornada do Open de España, que se está a disputar esta fin de semana en Vila-Real (Castellón). Galicia encabeza a clasificación por equipos despois desta primeira xornada, con 9 ouros, 3 pratas e 12 bronces. Na categoría cadete, Galicia foi primeira e na júnior ocupou a segunda posición por detrás de Francia.
A pesar de que a selección cadete era moi nova e case completamente renovada, as e os nosos deportistas estiveron a un nivel moi alto, o que os levou á primeira posición por equipos. Desta forma, houbo 5 ouros, 2 pratas e 7 bronces.
Anxo Vidal (Natural Sport) acadou o ouro en -33 quilogramos, tras gañar na final a Miguel Ángel Sotillo por 6-9. Antes eliminou ao británico Lee Horswell -no combate máis apertado, xa que tivo que decidirse no punto de ouro-; a Mario Ignacio Anghel (11-24) e na semifinal ao catalán Neil Dalisay (5-10).
Magnífica actuación de Samuel Meilán (- 49, Tao) que tamén logrou o título no seu peso, despois de vencer en catro combates. Na primeira rolda enfrontouse ao moldavo Víctor Perciun e gañou de forma rotunda (14-34), posteriormente eliminou a David Baldrés (4-15) e na semifinal venceu ao balear Diego Miguel Sánchez (12-16). Na final, Samu tivo como rival a Pepe Ortiz e gañou nun axustado combate (13-14).
Adrián Salanova (-61, Maniotas Noia) logrou a medalla de ouro en -61 quilogramos despois de vencer en tres combates. Superou nos cuartos a Hugo Alborch (0-20), na semifinal ao francés Ilies Sel (1-21) e na final ao catalán Marcos Aguilar nun fermoso e competido combate (12-11).
Sergio Troitiño (+ 65, Mat´s) tamén acadou o título nunha traxectoria imparable. Gañou en primeira rolda a Alejandro Martín (Valencia) por 14-3; a Manuel Paredes (4-19); ao andaluz Carlos Fernández na semifinal (11-3) e a Ayonai Hernández (Samguk Tenerife) por 17-5. Fantástico ouro!
Xabier Ramas (-57, Garrapucho) logrou a prata no seu peso despois de superar nos cuartos a Alejandro Martínez (15-17) e na semifinal a David Martínez (8-12). A final foi contra Alan Ortiz (Samguk Tenerife) e a vitoria se lle escapou ao galego por moi pouco (12-11).
En -65 masculino houbo dous bronces galegos: Pablo Figueira (-65, Boudsport) e Darío Fernández (-65, Hebe) subiron ao terceiro chanzo do podio tras perder nas semis.
Na categoría feminina, Noa Romero (-33, Natural Sport Riveira) logrou a medalla de ouro con moita claridade. Venceu en primeira rolda a Perla Santamaría (Madrid) por 27-7, e na semifinal a Sara Belhaj, do TKD Jorsan, tamén de forma ampla (21-14). Rematou a súa competición vencendo na final á alemá Emily Kunz por 12-33. Bravo Noa!
En -29, Dulce Naiara Francisco (Tao) logrou a prata tras vencer a Natalia Picazo (10-28) e Karla Jurado (Federación Balear) por un claro 28-13. A final, contra Izaro Marchán (Taekwondo Baza Sport), foi moi axustada e finalmente inclinouse a favor de Marchán (21-18). Prata para a galega.
Alesandra Imparato (Mace Sport ) e Sara Pena (Patiño Moaña) foron bronce en -47 quilogramos. Imparato venceu a dúas rivais con enorme superioridade e caeu na semifinal ante Luana Martón, que finalmente logrou o ouro. Pola súa banda Pena –que ven de competir no Europeo de poomsae- tamén superou a dúas contrincantes (a madrileña Andrea García e a andaluza Gracia Herrera) e perdeu na semifinal ante Aitana Romero, de Zamora.
En -51, bronce para Inés González (Mace Sport) que eliminou a tres rivais (June Nsangu, Silvia Vives e a francesa Elea Desnoyers) para garantir a medalla de bronce. Perdeu na semifinal ante a catalá Ezoe Alberola, que finalmente acadou o título.
Helena García (-59, Dobok) logrou o bronce despois de vencer en cuartos a Alba Murillo de forma moi contundente (22-5). Na semifinal enfrontouse a Neus Valbuena, no que foi a final adiantada do peso, xa que estivo tremendamente igualado o combate, e só se decidiu no punto de ouro a favor de Valbuena, que finalmente gañou con claridade na final.
No peso pesado, Thalía Sampedro (Natural Sport Riveira) venceu en primeira rolda a Samira Martínez (A Rioxa) por 6-3 e nos cuartos de final a Ismene Pico (9-7). Así garantiu a súa medalla de bronce. Na semifinal, caeu ante Nerea Esteban de forma moi apertada (5-7).
Júnior, segundos. Na categoría júnior, a selección galega rematou na segunda posición (por detrás de Francia) con 4 ouros, 1 prata e 5 bronces.
Os mellores resultados foron para as nosas rapazas, con tres ouros, unha prata e dous bronces.
Cloe Iglesias (-59, Patiño) segue imparable e iso que lle tocou un sorteo complicado coas mellores competidoras no camiño. No primeiro combate superou á andaluza Aitana Aguilar (6-4) e posteriormente eliminou a Anastasia Ignatyev, actual campioa de España júnior, (8-3). Na semifinal esperaba a francesa Kanélya Carabin (tamén campioa do seu país), pero Cloe seguiu implacable, para gañar de forma axustada (5-7) a unha dura contrincante. Na final a rival era a catalá Marina Hernández, pero outra vez, espectacular Cloe, que non lle deu a máis mínima opción (6-13).
Ouro para Ainoha García (-63, Couto) nun magnífico torneo, no que foi tremendamente regular e competitiva. En primeira rolda eliminou á rioxana Ainhoa Lorza (4-21), para posteriormente vencer a Mar Machi de Valencia (2-13). Na semifinal deixou atrás a Irene Montero (1-9) e na final tamén foi moi superior a Yaiza Sissoko (Baleares).
O último ouro galego feminino júnior foi para Desiree Rivadulla (Suh Sport) en + 68 quilogramos. No primeiro combate enfrontouse a Attenya García e venceu por 4-9 e na semifinal loitou co a catalá Judith Ruíz e gañou de forma moi clara (0-8). Na final esperaba Sheila Mariño (de Tenerife) e Desiree logrou o título no Open de España por 7-4.
María Ferreiro (Couto) foi prata en -44 quilogramos. A galega gañou a Laura Aguado (11-24), a catalá Naiara Liñán (2-7), para garantir o seu paso a semifinais. Aí atopouse coa madrileña Adriana Mendoza, pero Ferreiro foi moi superior (24-16). Na final, a galega perdeu ante Ixone Fernández por 3-8.
Sara Gacio (-55, BoudSport) tamén acadou a súa medalla, un bronce, tras vencer en tres combates. Gañou a Paula Navarrete (8-4), á navarra Ariadna Arrondo (7-3) e a alemá Sina Metschberger (6-14). Só puido freala outra alemá, Franziska Drucklieb, nunha axustada loita (6-3). Drucklieb foi a gañadora deste peso.
Aitana López (-68, Suh TKD Pontevedra) sumou unha medalla de bronce para o equipo galego tras superar á balear Manar Alami (0-7) e a Lucía Garzón (3-5). En semis, caeu ante Palmira Tatay (Comunidade Valenciana).
Na categoría masculina, destacar o novo triunfo de Pablo Patiño (Patiño Moaña) en -68 quilogramos, que segue nun magnífico estado de forma e iso a pesar de que arrastra problemas nun xeonllo dende hai meses. En primeira rolda eliminou a David Dal Pezo e posteriormente a Alberto Sanz. Na semifinal, xa bastante mermado pola lesión, venceu a Gerard Domínguez por 6-3 e na final tivo como rival ao catalán Arnau Fumado, onde novamente Pablo non deu opcións, para acadar o título no Open de España (5-9). Gran mérito o de Pablo que soubo lidar coas molestias para gañar.
Manuel Lorenzo (-45, Suh Sport) sumou un bronce para Galicia, tras vencer en dous combates. Superou a Rubén Cañaveras e Jose Antonio Albadalejo. Na semifinal foi derrotado por Raúl Moreno (3-6).
En – 73 quilogramos, bronce para Óscar Ortigueira (Maniotas Noia) que gañou dous combates (ao francés Adam Panyasiri e Diego Pilaquinga). Caeu na semifinal ante Jon Fernández por 7-5.
Alejandro Costado (-78, Suh TKD Pontevedra) foi bronce tras vencer a Alexis Fabian Sandu (7-4) e Hugo Carmona (6-7). Na semifinal caeu derrotado ante o madrileño Gabriel Molina (3-8), que finalmente foi o vencedor no Open de España.