As nosas seleccións sempre dan a cara e iso foi  o que volveu suceder onte na Copa de España da categoría júnior que se celebrou en Benidorm. En total, as e os deportistas lograron 17 medallas (5 ouros, 4 pratas e 8 bronces) e Galicia logrou a segunda posición na clasificación xeral por equipos na categoría feminina.

 

Na categoría feminina, as nosas deportistas acadaron a segunda posición na clasificación xeral por equipos, cun total de 9 medallas (3 ouros, 3 pratas e 3 bronces).

 

En -62 quilogramos tivemos final galega. Cloe Iglesias (Patiño) volveu amosar as súas credenciais e venceu con absoluta rotundidade. En cuartos de final enfrontouse a Nerea Portillo (2-26, para a galega); en semifinais a Neus Valdebuena (2-23) e na final veuse as caras coa súa compañeira de selección, Irene Montemuíño (Natural Sport Ribeira), á que tamén superou con claridade (3-18). Pola súa banda, Irene, para plantarse na final con Cloe, tivo que vencer á catalá Julia Fernández (23-2) e a Lisette Cintado (19-13). Ouro e prata galegas neste peso!

 

Ainhoa García (Couto) mostrou a súa superioridade en -68 quilogramos. A galega non tivo oposición. Gañou a Mariam Calvo (Melilla) por 0-7; na semifinal eliminou a Martina Campo (Navarra) por 12-1 e na final deu conta de Inés de Benito por 0-11.

 

O terceiro ouro feminino galego foi para Nuria Cernadas (Natural Sport Ribeira) no peso pesado. Tres combates para a galega e outros tantos triunfos. Superou á galega Helena García en cuartos (10-7), en semifinais á andaluza Julia Perales (6-3) e na final á tamén andaluza Yasmina Deniz (0-3).

 

En -55 quilogramos, Yadira Reimúndez (Mat´s) logrou a medalla de prata tras gañar tres combates e perder a final. Eliminou a Judith Palacios (23-9), Maider Jiménez (Navarra) por 22-0 e na semifinal a Nerea Fernández no punto de ouro. Na final, non puido coa húngara Ivana Martón (7-3).

 

A terceira prata galega foi para María Ferreiro (Couto) en -49 quilogramos. Cómodo triunfo fronte a Marta Comas (Baleares)  por 4-24; posteriormente superou a Lucía Martínez (29-8) e a Erika Babiana (Cataluña) por 12-21. Perdeu na final ante Elsa Hernández.

 

E tamén houbo tres bronces galegos. Iria Seijo (-52, Patiño) venceu nos cuartos á galega Sara Pena (15-5) e perdeu en semifinais contra Laura Rodríguez. Pola súa banda, Carla Diéguez (-42, Boud Sport) logrou o bronce ao eliminar en cuartos a Silvia Otero (7-5), pero non puido con Sofía García, que finalmente acadou a medalla de ouro. E rematamos co terceiro bronce feminino galego que foi para Vanesa Roo (Natural Sport) tamén en -42 quilogramos. Vanesa gañou a Marta Báez (13-14) e perdeu ante Marta Rodríguez (25-4).

 

Na categoría masculina tivemos un total de oito medallas (2 ouros, 1 prata e 5 bronces).

 

Sergio Troitiño (Mat´s) proclamouse vencedor no peso pesado. O galego superou catro combates para poder facerse coa primeira posición. Así venceu a Juan Francisco Castro (18-9) e Daniel Ortuño (0-13) nas primeiras eliminatorias. En semifinais gañou de forma clara tamén a Jorge Mallo (14-5) e rematou a súa estelar actuación contra Marcos Bailez por 20-0.

 

O segundo ouro galego foi para Javier Otero (-45 quilogramos, Kae Sport), que comezou a súa competición enfrontándose ao galego Anxo Vidal, ao que superou por 20-8. Na semifinal eliminou con claridade a Emanuel Segado e na final tamén foi moi superior a Rubén Navarro (18-11). Ouro para o noso deportista.

 

Adrián Salanova (Maniotas-Noia) logrou a medalla de prata en -68 quilogramos, despois de superar a Enric Salvador (3-23) e Adrián Villa (6-19). Así, con esta facilidade logrou plantarse na final onde esperaba o representante da Federación Catalana, Marcos Aguilar. Foi un combate moi disputado ata o último segundo, no que o catalán logrou poñerse por diante para vencer a final (14-13).

 

Ademais, houbo cinco bronces galegos na categoría masculina. Martín Conde (-73, Couto) logrou a medalla tras vencer nos cuartos ao catalán Arnau Fumado (6-7), pero perdeu na semifinal contra Juan Antonio Milán (Murcia), que foi quen se proclamou campión.

 

Samuel Méndez (-63, Maniotas-Noia) venceu en cuartos a Iker Abad nun fermoso combate (15-12), pero perdeu en semifinais ante Nicolás Jiménez (Andalucía) tamén de forma moi axustada (3-6). Diego Álvarez (-59, Taekwondo Sada) superou a Nicolás Sánchez (Valencia) por 15-9 e nos cuartos a Jorge Milán (Murcia) por 11-9. Na loita por entrar na final caeu ante Jesús Fraile, que foi quen acadou o ouro finalmente.

 

Os dous últimos bronces foron para Alberto Martín (-51, Taekwondo Sada) e Iván Meijide (-54, Taekwondo Sada). Alberto gañou ao galego Brais Canosa nos cuartos de final nunha loita espectacular (17-16) e caeu ante Martí Navas (29-32). Pola súa banda, Iván superou a Sergio Díaz-Flores (12-15) e perdeu con Rubén Navarro (18-2).

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email