Galicia acadou a segunda posición na clasificación por equipos (masculina, feminina e na xeral) no Campionato de España absoluto de combate, celebrado en Málaga, ao sumar un total de 3 ouros, 6 pratas e 5 bronces. Ademais, no Campionato de España de paratekwondo, ouro de Alex Vidal (Natural Sport) en K44-63 quilogramos 1.

 

Os ouros foron para Sergio Troitiño (-87, Mat´s), Iván García (+87, Mat´s) e Tania Castiñeira (+73, Hebe).

 

Troitiño comezou a súa participación no Campionato ante Javier Chicote (Valencia) ao que superou con claridade en dous asaltos (9/0 e 5/0) e fantásticas sensacións para seguir avanzando. Na semifinal o rival era Ismael Omer Akbulut (Cataluña), pero tivo que retirarse por lesión, así que Sergio se meteu directamente na final onde esperaba o seu compañeiro e rival Lucas Llopis (Cataluña), ao que tamén eliminou en dous asaltos e con comodidade (7/0 e 4/1). Así rematou o Campionato de España para Troitiño coa medalla de ouro e os puntos necesarios para ir ao Europeo sénior.

 

Pola súa banda, Iván García volvía ao campionato de España despois dun ano de ausencia pola súa lesión, e regresou cun gran arrefriado, que non lle permitiu competir como el quería, xa que pasou unha noite moi mala. A pesar diso, fixo tres combates para lograr o ouro e en todos gañou en dous asaltos e con facilidade. No primeiro superou a Víctor García (Madrid), na semifinal a Juan de Quintana (Cantabria) e na final a Andreu Pérez (Cataluña).

 

Na categoría feminina o ouro foi para Tania Castiñeira no peso pesado. Tania venceu no primeiro combate a Xiomara Hernández (Castela a Mancha), na semifinal venceu á madrileña Ainhoa Pastor (ambos combates en dous asaltos) e na final enfrontouse a tamén galega Desi Rivadulla (Suh Sport) que foi sen dúbida a rival máis dura e o combate máis axustado, pero que finalmente caeu a favor de Tania en dous asaltos e ambos por rexistros. Tania campioa de España por quinto ano consecutivo! Pola súa banda, Desi antes da final superou a tres rivais. En primeira rolda venceu a Martina Campo (Navarra) e posteriormente ás vascas Zuriñe Padilla (cuartos) e Violeta Pérez (semifinal). Nos tres combates a galega gañou en dous asaltos e con moi boas sensacións, polo que foi unha prata moi satisfactoria.

 

A esta prata hai que sumarlle as de Adrián Salanova (-68, Maniotas Noia), Samuel Meilán (-58, Tao), Javier Otero (-54, Natural Sport), Helena García (-73, Dobok), Sara Cortegoso (-46, Mace Sport).

 

Javi Otero fixo un total de catro combates, para perder na final ante David Bello  (Madrid).  Comezou ante Francisco López (Baleares) e aínda que venceu en dous asaltos, lle custou entrar no combate. Na segunda rolda, ante Alejandro Carrión (Andalucía), Otero xa estaba enchufado no Campionato e gañou os dous combates de forma clara. A semifinal foi ante Javier Requejo (Euskadi) e novo triunfo en dous rounds do noso deportista. Na final, o galego perdeu o primeiro asalto de forma bastante clara, pero competiu ao máximo no segundo, que se decidiu por un xiro no último segundo a favor de Bello.

 

En -58 quilogramos, Samuel Meilán, proclamouse subcampión de España tras facer catro combates. En primeira rolda Samu superou a Izan Sanchís e posteriormente a Jorge Francos (Castela a Mancha), ambos combates en dous asaltos. Na semifinal eliminou a Jorge Almeida (Baleares) tamén sen necesidade de ir ao desempate, e así logrou o pase a final onde se enfrontou co madrileño Jesús Fraile e caeu derrotado.

 

En -68 quilogramos houbo dobrete galego con Adrián Salanova (prata) e Samuel Méndez (bronce), ambos competidores do Maniotas. Salanova fixo un total de cinco combates. Venceu a Jorge González (Canarias), Ricardo Espada (Estremadura), Eduard Company (Baleares) e Adrián Vila (Madrid) para plantarse na final ante Joan Jorquera (Cataluña), ao que non puido superar. Pola súa banda, Samuel Méndez venceu tres combates e perdeu na semifinal ante o campión, Jorquera. Antes eliminou a Rubén Calvo (Cantabria), Ángel Fernández (A Riouxa) e Antoni Pujol (Baleares).

 

Pola súa banda, Helena García acadou a medalla de prata en -73 quilogramos. Librou a primeira rolda por ser cabeza de serie e nos cuartos de final superou a Sanae Baiza (Baleares) e posteriormente, na semifinal a Carlota Zanoni (Madrid). Na gran final no puido coa experimentada Belén Morán (Andalucía).

 

A última prata galega foi para Sara Cortegoso (Mace Sport) en -46 quilogramos. No primeiro combate superou a Amy Rosean Arina Mair (Castela e León) en dous asaltos e con claridade, aínda que constatou que a pista esvaraba un pouco e iso non lle gustou.  Posteriormente enfrontouse a Laura García (Madrid) e tamén venceu en dous asaltos. Na semifinal a nosa taekwondista gañou á andaluza Ana Jiménez nun combate máis tenso, pero Sara soubo traballar ben, moi centrada e calmada, e así logrou a vitoria. A final foi contra Sofía García (Madrid), a rival máis dura e complicada do peso e a Sara lle faltou confianza en si mesma, tal e como ela sinalou. Pero fixo un gran campionato e logrou a medalla de prata.

 

Os bronces foron para Samuel Méndez (-68, Maniotas Noia), Alba Rey (-67, Boudsport), Miryam García (-62, Patiño), Arlet Ortiz (-57, Mat´s), Silvia Otero (-49, Mat´s).

 

Alba Rey (-67, Boudsport) impúxose en oitavos de final a Marta González (Estremadura) en dous asaltos e posteriormente deu boa conta de Mailén Carvalho (Navarra) nun combate máis disputado (2-1), que lle deu o bronce á galega. En semifinais cedeu ante Vanessa Shestopalka (Valencia) en dous rounds.

 

Silvia Otero superou nos cuartos de final a Izaro Anton (Euskadi), pero na semifinal esperaba a olímpica Adriana Cerezo, que non fallou e superou á nosa deportista para así continuar e proclamarse unha vez más campioa de España.

 

Miryam García (-62, Patiño Moaña) logrou volver subir ao podio nacional, nesta ocasión para coller a medalla de bronce. A taekwondista galega superou con solvencia en primeira rolda a Arene Rementeria (Cantabria) e nos cuartos de final a Maialen Renteria (Euskadi), garantindo así a medalla de bronce. Na semifinal Miryam perdeu ante Marta Calvo (Madrid), que foi a campioa de España neste peso. O primeiro asalto resolveuse por rexistros (2-2) e no segundo, perdeu por 3-0, nunha acción á cabeza. Miryam intentouno todo, pero non puido remontar.

 

E para rematar, o bronce de Arlet Ortiz en – 57 quilogramos. Comezou o Campionato de España ante Salma Khatiri (Murcia) e posteriormente superou a Martina Di (Valencia), en dous combates serios da nosa competidora, para meterse nas semifinais. Aí esperaba Laura Rodríguez (Madrid), quen logrou superar a nosa Arlet, nunha dura loita e posteriormente se proclamou campioa de España.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email