Galicia acadou, no Campionato de España celebrado este pasado sábado en Almería, a segunda posición na clasificación por equipos na categoría cadete feminina e na xeral cadete, mentres que foi bronce na categoría sub 21 masculina e feminina.

 

Na categoría sub 21 masculina, Galicia foi terceira por detrás de Catalunya e Madrid. Os nosos deportistas acadaron un total de  1 ouro, 3 pratas e 1 bronce.

 

En -68 quilogramos, Galicia acadou un dobrete, con Pablo Patiño (Patiño) no máis alto do podio. Pablo logrou a medalla de ouro tras superar nos cuartos ao representante de Melilla (23-1); en semifinais venceu con facilidade a Adeián Villa (Castela a Mancha) por 18-9 e na final gañou a Abdelhamid (Valencia) nun axustado e fermoso combate (10-9). Ademais hai que destacar o bronce acadado por Adrián Salanova (Maniotas), que ía pola outra parte do cadro. Salanova venceu en primeira ronda a Madrid (14-9), en segunda a Euskadi (25-3) e só caeu en semifinais, nun apertado combate fronte a Valencia (5-6).

 

Brais Canosa (Suh Costado) proclamouse subcampión de España en -54 despois de gañar catro combates, nun peso con moita participación. Superou a Cantabria (30-15); a Andalucía (29-49), Extremadura (36-39) e, na semifinal a Euskadi (33-54). So perdeu na final ante o madrileño David Bello (6-26).

 

Outra medalla de prata para Alex Pazos (Taeknart) na categoría de -58 quilogramos. Alex eliminou a tres contrincantes: Melilla (16-11); Castela A Mancha en cuartos de final; en semifinais ao valenciano Nicolás Sánchez (3-8) e non puido co outro representante da Comunidade Valenciana, Hugo Arillo, na final, polo que acadou o subcampionato de España.

 

En -87 quilogramos, Sergio Troitiño (Mat´s) logrou o subcampionato de España, tras vencer en cuartos de final a Castela e León (7-1); en semifinais a Castela a Mancha (1-19) e só cedeu na final ante o representante de Catalunya  Lucas Llopis nun combate tremendamente axustado que tivo que decidirse no punto de ouro, tras chegar ao final dos tres asaltos con empate no marcador.

 

Na categoría sub 21 feminina, Galicia acadou a terceira posición na xeral por detrás de Castela A Mancha e Valencia, e empatados a puntos con Andalucía, cun 1 ouro, 1 prata e 1 bronce.

 

Desirée Rivadulla (Suh Costado) proclamouse campioa de España no peso pesado. Desi librou en primeira rolda, para enfrontarse na semifinal a Lina Sagreras (Baleares) á que superou con moita claridade (7-0) e na final volveu dominar o combate de forma clara ante a andaluza Yasmina Deniz (11-2).

 

En -62 quilogramos, medalla de preta para Irene Montemuiño (Natural Sport Riveira), quen venceu en primeira rolda a Navarra (26-13); en semis a Chaima Djeda (Andalucía) por un rotundo 25-3; pero non puido na final con Luana Martón (Castela a Mancha).

 

Silvia Otero (-46, Mat´s) foi bronce tras superar dous combates e perder na semifinal ante Ana Jiménez (Andalucía), que foi ao final a campioa de España. Antes venceu en oitavos a Madrid (9-7) e nos cuartos de final a Euskadi.

 

En cadete feminino, Galicia logrou a segunda posición na clasificación por equipos por detrás de Valencia, e na clasificación xeral por equipos obtivo a mesma posición e cos mesmos protagonistas.

 

 

Éxito en -51 quilogramos, xa que a final foi galega, con Lucía Salanova (Maniotas) i Elisa Fernández (Garrapucho) como protagonistas. Para chegar á final, Lucía eliminou antes, con moita superioridade en todos os combates a Carla Morales, de Castela e León (23-3); á valenciana Paula Catalán (2-13) e á navarra Rania Mabchourd (28-12).  Pola súa banda, Elisa eliminou en primeira rolda a Elvira Martínez, de Castela e León (4-23); despois á valenciana Yasmín Lluch (10-2) e na semifinal á madrileña Alexia Cuenca (5-7). Na final galega, foi Lucía Salanova a que se impuxo por 8-3 a Elisa. Noraboa!

 

En -44 quilogramos, Tomasa Franco (Natural Sport) logrou a medalla de prata. A galega superou a tres rivais para chegar a final. Así venceu á catalá Muriel Llopis (8-21); Alba Rebato, de Castela a Mancha (9-33) e á navarra Leire Echaniz (22-34). Na loita polo ouro, non puido coa catalá Judith Córdoba (24-12).

 

Tamén acadou a medalla de prata, Noa Garrido (Mat´s) en -29 quilogramos. Noa gañou na semifinal á catalá Alexandra Martínez (10-38) e caeu na final ante Nora González (Asturias).

 

En -41 quilogramos, bronce para Irene Rodríguez (Suh Sport), que venceu en tres combates para garantir a medalla de bronce. Superou a Manuela Moreno (30-9), de la Rioja; á valenciana Paine Juanes (22-2) e á catalá Gisela Gutiérrez (16-21). Na semifinal perdeu ante Gema Gálvez (Andalucía) nun axustadísimo combate (13-12).

 

Bronce para Alissa Fajardo (Natural Sport Riveira) en -33. A galega superou nos cuartos de final á andaluza Esther Anguita (24-37) e caeu na semifinal ante a valenciana Alina Lubaseva nun combate tolo (53-50).

 

 

 

Na categoría cadete masculina, Galicia logrou un ouro e unha prata. Víctor Videla (Natural Sport) proclamouse campión de España en -37 quilogramos, tras vencer con claridade nos seus catro combates. Comezou ante Ángel Aguilo, de Baleares, (23-3); posteriormente eliminou ao andaluz Pablo Raya (22-1); na semifinal ao murciano José Antonio Gálvez (20-0) e na final ao catalán Andreas Lepape (22-16).

 

En -33, Dani Abalo (Kae Sport), acadou a medalla de prata tras superar a tres rivais. Abalo comezou o campionato ante Youness Belkacem, de Melilla, (27-8); despois superou ao extremeño Jairo Macías (29-8) e na semifinal gañou ao cántabro Aitor Barbero (36-16). Na final esperaba Enol Pérez (Asturias) e Dani caeu por 37-47.

Print Friendly, PDF & Email