Galicia logrou a segunda posición na clasificación xeral por equipos, e na categoría feminina, do Campionato de España Júnior, que se disputou o sábado en Cartagena (Murcia). En total houbo tres ouros, cinco pratas e seis bronces para os integrantes da selección galega. Tamén acudiron ao Campionato os nosos árbitros María Bautista, Jorge Leiro, Verónica Piñeiro e Eugenio Barral.

 

Os ouros foron para Javier Otero (-45 quilogramos, Kae Sport), Sergio Troitiño (+78, Mat’s) e Ainoha García (-68, Couto).

 

Na categoría masculina, en -45 quilogramos, tivemos unha final galega. Javier Otero (Kae Sport) superou a Anxo Vidal (Natural Sport Riveira) para lograr a medalla de ouro. Antes, Otero vencera con claridade a Pablo Luque (Andalucía) e Fabio Torilo (Canarias) e logrou o título con gran superioridade. Pola súa banda, Anxo superou en cuartos a Xabier López (Baleares) e na semifinal a Emanuel Segado (Valencia).

 

Sergio Troitiño (+78, Mat´s) logrou o título de campión de España tras vencer en tres combates. En cuartos gañou ao andaluz Juan Francisco Castro (21-3), na semifinal a Adrián Asensio (Castela a Mancha) por 25-0 e na final a Iván Mediavilla (Euskadi) por 17-0.

 

E o terceiro ouro galego foi para Ainoha García (-68, Couto) que tamén fixo tres combates e con resultados moi amplos ao seu favor. A primeira rival foi a madrileña Paula Pizarroso e vitoria para Ainoha (15-1); na semifinal superou a Irene Montero (Andalucía) por 12-3 e na final a Nera Portillo (Comunidade Valenciana) por 20-0.

 

Ademais da prata de Anxo Vidal, houbo catro máis. Cloe Iglesias (-63, Patiño) superou nos cuartos de final a Amanda Mendo (Extremadura) de forma clara (22-2) e na semifinal eliminou a Neus Valbuena (Valencia) nun axustado combate que se decidiu no punto de ouro a favor da galega. Na final, Viviana Marton (Castela A Mancha, de orixe húngaro) foi mellor para lograr proclamarse campioa de España. Neste mesmo peso tivemos outra medalla galega, xa que Irene Montemuiño (Natural Sport Riveira) logrou o bronce. En cuartos deixou atrás a Maider Castro (Euskadi) por 22-3, pero non puido facer nada ante Marton, polo que logrou o bronce.

 

En -55, prata para Yadira Reimúndez (Mat´s) que gañou tres combates antes de chegar a final. Polo camiño quedaron Carolina Arco (Andalucía), Naroa Martínez (Cantabria) e Vanella Pimienta (Canarias). Na final esperaba Laura Rodríguez (Castela a Mancha) que venceu de forma clara para acadar o título.

 

Aitana Fariña (-44, Maniotas) tamén quedou na segunda posición, tras gañar nos cuartos de final a Ainhoa Villarroya (Aragón) por 5-12 e na semifinal a Mariona Navarro (Baleares). So caeu derrotada na final ante a catalá Ana López por 3-14.

 

A última prata galega foi para Silvia Otero (-42, Mat´s). A nosa taekwondista gañou a Lucía Morey (Baleares) e á madrileña Raquel García. Na final foi superada por Sofía García (Castela a Mancha).

 

En -59, Tania López (Patiño) logrou a medalla de bronce tras vencer en dous combates. Superou a Lucía Rodríguez (Euskadi) por 23-3 e a Mar García (Cataluña) por 8-12. Na semifinal foi superada por Luana Marton (Castela a Mancha), que logrou a medalla de ouro.

 

Helena García (+68, Dobok) tamén subiu ao terceiro chanzo do podio tras gañar en dous combates a Laura Morgan (Baleares) e Nerea Esteban (Castela a Mancha), pero foi derrotada na semifinal pola canaria Sheila Mariño.

 

En -59, Alex Pazos (Taekanart) logrou o bronce, tras vencer a Pablo Arena (Baleares) e a Ignacio González (Castela a Mancha) nos cuartos de final. Na semifinal perdeu ante Jorge Milán (Murcia). Borja Franco (-68, Natural) logrou a terceira posición tras superar dúas eliminatorias. Gañou a Juan Rodríguez (Castela e León) e a Diego Librado (Madrid), para perder na semifinal nun axustado combate ante Marcos Aguilar (Cataluña), que finalmente se proclamou campión de España neste peso. E a última presea foi para Iago Mallo (-78, Tao), que nos cuartos de final venceu a Aleix Berengueras (Cataluña) de forma ampla (1-7). Na semifinal non puido co madrileño David Plaza, que finalmente foi o campión de España.

 

 

Print Friendly, PDF & Email