O taekwondo galego volveu amosar o seu alto nivel internacional no Open de Holanda, celebrado esta fin de semana en Eindhoven, cun balance destacado de dúas medallas de ouro, unha prata e seis bronces nas categorías sénior, júnior e cadete.
Categoría sénior: Ouro para Sergio Troitiño; prata para Helena García e bronces para Iván García e Alma Pérez
Na categoría sénior, destacou a actuación de Sergio Troitiño (-87, Mat’s), que se proclamou campión tras superar catro combates de gran nivel. O galego eliminou en oitavos ao alemán Kelly Kougblenov, en cuartos ao representante do equipo de refuxiados Mohammad Mokhtari e en semifinais ao competidor de Taipei Chen. Xa na final, impúxose ao chinés Mingkuan Meng nun combate moi igualado, resolto en tres asaltos. Este resultado permítelle sumar importantes puntos para o ranking e cumprir criterios para o Europeo absoluto.
Pola súa banda, Helena García (-73, Dobok) asinou unha brillante medalla de prata tras un campionato espectacular, no que venceu a rivais de gran nivel como Selina Akin (Alemaña), Nai-oh Chen (Taipei) e Jie Song (China), cedendo unicamente na final ante Laurence Ossin Kimi (Costa de Marfil).
Completaron o medalleiro sénior con cadanseu bronce Iván García (+87, Mat’s) e Alma Pérez (-53, Costado TKD Boiro). Iván García asinou unha competición moi sólida, impoñéndose en oitavos ao polaco Jablonski nun combate cómodo e dominado desde o inicio, e repetindo superioridade n en cuartos ante o italiano Matteo De Angelis, tamén en dous asaltos. Xa en semifinais, caeu ante o representante de Taipei Yu-jen Huang nun enfrontamento duro.
Pola súa banda, Alma Pérez chegou ás semifinais onde caeu ante Laura Rodríguez, e perdeu as súas opción de clasificarse para o Europeo. Con anterioridade, superou en primeira rolda á grega Daskalaki (2-0), en oitavos á belga Rabaut (2-0) e nos cuartos á francesa Lakehal-Rollings (2-1).
Dobre bronce galego en categoría júnior
Na categoría júnior, Antón Quintero (-78 kg) e Mencía Villar (-44 kg), ambos do Kwon Betanzos, lograron a medalla de bronce, nun campionato no que tamén loitaba por clasificarse para o Mundial da categoría.
Antón Quintero realizou un gran torneo, superando na primeira rolda ao catalán Lenni Viñolas e na segunda ao francés Iván Kendirgi, o que lle permitiu acceder ao combate clave ante o cabeza de serie número 1, o tamén francés Barry Aiman. O galego chegou a ter opcións claras, controlando por momentos os asaltos, pero escapóuselle a vitoria nos últimos segundos de cada un deles, quedando ás portas da final.
Mencía Villar tamén asinou unha actuación moi destacada. Comezou vencendo á alemá Helena Kindler e, na seguinte rolda, eliminou por 2-1 á actual campioa de España, a andaluza María Valle López. A posibilidade de loitar polo ouro e gañar opcións de clasificación para o Mundial era real, pero en semifinais atopouse cunha rival de gran nivel, a lituana Lyepa Indrikonyte. Mencía levou o primeiro asalto, pero a súa rival remontou e logrou a vitoria.
Ouro e dous bronces para Galicia en cadete
A gran nova na categoría cadete chegou da man de Erea Rábade (-44 kg, JFK Taekwondo), que se proclamou campioa tras un excelente percorrido. Superou en primeira rolda á española De María en dous asaltos, en semifinais a Magdalena Alarcón en tres, e na final á ucraína Sofía Mul, tamén en tres asaltos.
Ademais, na súa primeira participación internacional, os deportistas do club Dobok Laura Pena (-33 kg) e Noreia Vales (-55 kg) acadaron sendas medallas de bronce e deixaron moi boas sensacións no seu debut. Laura Pena gañou en dous duros combates á francesa Christina Azaryan e a Katsiaryna Nasonava (Bielorrusia)e so perdeu na semifinal ante Gabbriella Pettigrew (Gran Bretaña), que foi quen se proclamou vencedora do Open. Pola súa banda, Noreia Vales superou no primeiro combate a Merve Nisa (Turquía) e posteriormente a Kataleja Rybkina (Lituania). Na semifinal a taekwondista do Dobok non puido coa belga Laura Beljaars, nun tremendo combate que se decidiu en tres rounds.
Ampla representación galega no Open
Ademais dos medallistas, tamén participaron outros taekwondistas galegos, tanto coa selección española e cos seus clubs, que non puideron subir ao podio, como Javi Otero, Adrián Davila, Carla Sesar ou Tania Castiñeira.
O Open contou cunha ampla presenza de clubs galegos (Kae Sport, Dobok, JFK Taekwondo e Kwon Betanzos), que fan o esforzo de levar aos seus deportistas a competir en citas internacionais para seguir medrando o seu rendemento.








