A taekwondista galega Helena García (-73 kg, Dobok) acadou unha fantástica medalla de prata no World Taekwondo Women’s Open Championships, torneo de categoría G4, que se está a celebrar na cidade de Malabo (Guinea Ecuatorial) entre o 14 e o 16 de novembro.

 

Helena realizou un campionato impecable dende o primeiro combate. Na súa estrea impúxose á chinesa Zeqi Zhou, bronce mundial en 2025, nun intenso enfrontamento a tres asaltos que caeu do lado da galega grazas á súa solidez e consistencia.

 

Xa nas semifinais, a galega superou a española Belén Morán, rival directa no circuíto nacional, asegurando así o seu pase á loita polo ouro.

 

Na final, a deportista do Dobok enfrontouse á rusa Anastasia Kosmycheva, atleta de máximo nivel e ouro no Grand Prix de Muju, entre outros méritos internacionais. A pesar do esforzo e da boa imaxe ofrecida, Helena non puido superar á rusa e rematou cun brillante segundo posto nun dos eventos femininos máis importantes do calendario internacional.

 

Ademais, en Malabo tamén se atopan as taekwondistas galegas Arlet Ortiz (-62 kg, Mat’s) e Tania Castiñeira (+73 kg, Hebe), que competirán o domingo 16 de novembro, completando así a representación galega no World Taekwondo Women’s Open Championships.

#orgullosasdasnosas #taekwondogalego

 

 

Print Friendly, PDF & Email