E seguen a chegar boas novas dende Estambul. Hoxe era a quenda das júnior e o rendemento das galegas foi espectacular. Helena García (Dobok) logrou o ouro no peso pesado, mentres que Noa Romero (Natural Sport Riveira) foi bronce en -46 quilogramos.

 

Helena García gañou o ouro dunha forma incontestable. Venceu os tres combates por 2-0 e sen encaixar nin un punto en contra. Comezou a Presidente´s Cup ante a turca Hasen Sumbul nos cuartos de final, e a galega venceu con autoridade en dous asaltos. Na semifinal enfrontouse con outra turca, nesta ocasión foi Sevval Ozden, e Helena volveu brillar e non lle deu opción algunha a súa rival.  E máis do mesmo na loita polo ouro. A deportista do Dobok pasou como un furacán sobre á grega Eirini Ntova e logrou a primeira posición na President´s Cup e a clasificación para o Europeo sub 21.

 

Pola súa banda, Noa Romero (-46, Natural) acadou a medalla de bronce nunha competición que arrincou ante a turca Seyma Elif Hacioglu. Noa venceu en dous asaltos e logrou así a clasificación para os cuartos. Alí esperaba á grega Ioanna Chrysoula, e nova vitoria contundente da galega (2-0), que xa lle aseguraba a medalla, ao acadar o pase ás semifinais. Pero aquí atopou unha durísima rival, a turca Mulkiye Ece Ulusoy, que deixou fóra da final á nosa representante. Fantástica actuación de Noa, que ademáis leva o premio da clasificación para o Europeo sub 21.

 

Mañá será a quenda para Javi Otero (Kae Sport). Estaremos moi pendentes de el!

Print Friendly, PDF & Email