Helena García (-73, Dobok) acadou esta fin de semana a medalla de ouro no Open Británico, que é puntuable para a clasificación mundial.
A galega, que viaxou a Manchester co equipo nacional, arrincou a competición no seu peso ante a británica Courtney Kramich, unha rival a priori dura, pero Helena estivo moi concentrada no combate e logrou gañar en dous asaltos. Na semifinal atopouse coa representante húngara Luana Marton, unha competidora experimentada e moi intensa. E así foi combate, tremendamente intenso, con vitoria de Helena por 2-1.
Na final volveu enfrontarse con outra representante británica, neste caso Ruby Mackay, combate que se definiu en tres asaltos moi duros e tácticos. No terceiro, a representante coruñesa remontou un resultado negativo para terminar impoñéndose por 7-4 e lograr así o ouro neste prestixioso Open británico.
Con esta vitoria, Helena García suma 10 puntos para ir escalando posicións no ranking mundial, obxectivo marcado para os vindeiros meses, nos que participará en importantes torneos a nivel internacional.








