O taekwondo galego volveu brillar a nivel internacional. Esta fin de semana disputouse o Open de Bulgaria (G-2) en Sofía, cun balance moi positivo para as e os nosos deportistas. Galicia sumou catro medallas, unha prata e tres bronces, tanto con deportistas convocados pola Federación Galega de Taekwondo como coa Real Federación Española de Taekwondo.

 

Prata para Helena García

Entre as e os deportistas galegos convocados pola Real Federación Española de Taekwondo, destacou especialmente Helena García (-73 kg, Dobok), que logrou a medalla de prata tras realizar un gran torneo.

 

Helena disputou un total de catro combates. Na primeira rolda venceu á suíza Laura Heldner e posteriormente á rusa Anfisa Alekseeva en dous asaltos, o que lle permitiu acceder con solvencia ás semifinais.

 

Na loita polo pase á final enfrontouse á española Belén Morán, unha das súas principais rivais no peso. A galega impúxose con autoridade e asegurou así a presenza na final.

 

No combate polo ouro volveu medirse coa rusa Anastasiia Hosmycheva, repetindo a final da Copa do Mundo de Malabo. Foi un combate moi igualado a tres asaltos no que finalmente se impuxo a rusa. Con todo, Helena suma importantes puntos para o ranking mundial.

 

Tamén subiron ao podio Sergio Troitiño (-87 kg, Mat’s) e Javier Otero (-54 kg, Natural), ambos coa medalla de bronce. Troitiño, cabeza de serie número 4, iniciou o torneo vencendo ao ruso Vladislav Budin en dous asaltos nun combate controlado. Nos cuartos de final medíuse co bielorruso Danill Yurkoi. O galego perdeu o primeiro asalto, pero conseguiu remontar con claridade nos dous seguintes para asegurar a vitoria.

 

Na semifinal tivo diante ao italiano Simone Alessio, un rival moi alto e complicado ante o que Troitiño tivo dificultades para puntuar. Finalmente, o italiano impúxose en dous asaltos. Cos puntos sumados neste Open, Sergio colócase nunha boa posición no ranking, cara ao Campionato de Europa.

 

Pola súa banda, Javier Otero tamén asinou unha gran competición. Na primeira rolda venceu ao bielorruso Mikita Belavyi en dous asaltos. Nos cuartos de final superou ao saudí Abdullah Almushraf, garantindo así a medalla.

 

Xa na semifinal volveu enfrontarse a un deportista bielorruso, Yahor Kazlov, ante o que caeu en dous asaltos. A pesar diso, o galego completou unha actuación moi sólida durante todo o torneo.

 

Bronce para Ekaterina Rebón coa selección galega

No equipo convocado pola Federación Galega destacou Ekaterina Rebón (-62 kg, Número Phi), que acadou a medalla de bronce na categoría sénior tras unha gran competición.

 

A galega tivo que superar tres combates para chegar ás semifinais. Na primeira rolda venceu á sueca Tindra Anderson, mentres que na segunda protagonizou unha das grandes sorpresas do torneo ao eliminar á campioa olímpica Viviana Marton (Hungría). Nos cuartos de final superou á bielorrusa Anastasiya Smirnova en dous asaltos.

 

Xa na semifinal, Rebón mediuse coa rusa Margarita Blizniakova, nun combate moi disputado a tres asaltos no que finalmente caeu derrotada. A rusa acabaría proclamándose campioa do Open de Bulgaria.

 

O resto dos deportistas convocados pola Federación Galega non puideron subir ao podio, aínda que varios taekwondistas lograron avanzar varias roldas, como foi o caso de Arlet Ortiz, que tamén deixou unha boa actuación. Ademais, seguen sumando experiencia nas competicións internacionais.

Print Friendly, PDF & Email