O taekwondista galego Iván García (+80, Mat´s) afronta este sábado 16 de decembro no Grand Slam de Wuxi (China) a última oportunidade para acadar a clasificación para os Xogos Olímpicos de París.
O ano 2023 foi tremendamente complicado para Iván, que arrincou no mes de xaneiro cunha operación de xeonllo que o tivo cinco meses alonxado dos tapices. A partir de aí comezou unha loita contra o reloxo para conseguir esa clasificación, que nese momento (xaneiro do 2023) parecía un feito, xa que Iván era o número 2 do ranking olímpico. Pero con ese parón obrigado había que comezar de cero e iso foi o que fixo o noso deportista, traballar arreo dende o mes de xuño que regresou á competición para alcanzar esa praza. Hai so dez días, no Grand Prix de Manchester, estivo a punto de acadala, pero escapouse esa posibilidade, e agora toca afrontar coa maior confianza o último envite no que necesita o ouro para lograr esa praza olímpica.
O galego xa está en Wuxi co seu adestrador Jesús Benito, e coa confianza de que sabe que está perfectamente preparado, aínda que ten a presión de ser a última oportunidade.
O taekwondo galego e español, o deporte galego e español estarán apoiando dende a distancia para que Iván poda conseguir algo que merece! A por todas Iván!