Iván García (-87, Mat´s) caeu nos oitavos de final do Mundial Absoluto de Taekwondo ante o número 1 do ranking mundial, o ruso Vladislav Larin. O galego gañou antes ao turco Lazoglu.
Iván comezou a competición contra un duro rival, o turco Hasan Can Lazoglu, ao que se enfrontara no Open de España e co que perdera nun axustado combate. Pero esta vez Iván soubo ler moi ben o combate e non cometeu errores, polo que logrou así o pase á segunda rolda por 7-6.
Na segunda rolda o rival era o número 1 do ranking mundial e olímpico, o ruso Vladislav Larin. O galego logrou ir por diante no primeiro asalto e no segundo seguía vivo, só un punto abaixo. Pero no terceiro Larin, a falta dun minuto, logrou meterlle unha parada arriba e rematou a loita. Nos instantes finais se foi un pouco máis (5-15). Iván mostrouse moi satisfeito: “Quédome con que aguantei dous asaltos e medio contra un chico deste nivel, mantendo o tipo e dando a cara. Foi unha gran experiencia e con moitas ganas de seguir sumando e aprendendo”.
Pola súa banda, Arlet Ortiz (-57 quilogramos, Mat´s) caeu o venres na primeira rolda do Campionato do Mundo Absoluto. Arlet enfrontouse a Pauline Louise López, de Filipinas. Foi un combate moi axustado, que finalmente se decidiu no punto de ouro a favor de Pauline.
Arlet chegou ao terceiro asalto dous puntos abaixo (10-8) e neste último tercio da competición pasouno bastante mal, porque chegou a estar catro puntos abaixo (16-12). Pero remontou e no último instante logrou o último punto que lle permitiu empatar (16-16) e ir ao punto de ouro. Pero aquí se escapou o pase á seguinte rolda.
E por último recordar o espectacular papel de Sara Cortegoso (-46, Mace Sport), que no seu primeiro Mundial absoluto fixo catro combates e só caeu nos cuartos de final nos últimos segundos ante a campioa do mundo 2017.