Magnífica actuación do taekwondo galego no Open de Sofía (G2), que se celebrou estes días en Bulgaria. Iván García (+87, Mat´s) e Alma Pérez (-53, Suh Sport) acadaron a medalla de ouro, mentres que Tania Castiñeira (+73, Hebe) logrou o bronce. Ademais, hai que destacar que Pablo Patiño (-68, patiño) e Arlet Ortiz (-57, Mat´s) quedaron á beira das medallas, ao caer nos cuartos de final.
Alma Pérez (-53, Suh Sport) fixo cinco combates para acadar o título. No primeiro combate enfrontouse a unha descoñecida Elif Stoyanov (Austria), á que superou con claridade (0-17). A continuación esperaba a romanesa Liana Musteata, unha competidora cun gran curriculum (subcampioa de Europa e reserva no preolímpico europeo), pero outra vez Alma estivo a un gran nivel e venceu por 3-1. Nos cuartos de final a galega venceu a Daniela Souza (México) por 3-7, e así logrou a clasificación para as semifinais. Na semi enfrontouse a Laura Rodríguez, de Castela a Mancha, que é a súa rival directa en España e foi unha loita moi axustada que rematou con empate (3-3) e que se decidiu no punto de ouro a favor da nosa deportista. A final foi contra outra mexicana Fabiola Villegas e volveron ofrecer un combate moi axustado que se decidiu, igual que a semifinal, no punto de ouro a favor de Alma.
Iván García logrou o ouro no peso pesado, no que se notou a ausencia dos deportistas rusos, de forma que só participaron 8 deportistas e Iván fixo tres combates para acadar a primeira posición. Nos cuartos de final superou a Partik Divokovic (Eslovenia), un vello coñecido de Iván, co que xa competira antes e incluso adestrara. O galego foi moi superior nun cómodo combate (18-7). Na semifinal enfrontouse ao serbio Mitar Maklenovic, ao que non coñecía, pero tampouco houbo problemas. Os dous primeiros asaltos estiveron un pouco más apertados, pero no terceiro se escapou (17-3). Na final esperaba o actual subcampión olímpico Dejan Georgieski (Macedonia) e Iván actuou con moita cabeza nun combate duro, que tivo sempre controlado (12-7). Con este novo Open e os 20 puntos sumados, Iván colocouse entre os 16 primeiros do ranking olímpico.
O bronce foi para a nosa Tania Castiñeira que superou o primeiro combate contra a serbia Tepavac, nun axustado 2-1. En semifinais, enfrontouse a cabeza de serie número 1, a polaca Kowalczuk. A galega tratou de ser moi ofensiva para contrarrestar á polaca, pero non puido puntuar e caeu por 2-0.
Arlet Ortiz (-57) gañou no primeiro combate a Amina Hammich (Noruega) con claridade (1-10) e no segundo superou a Nadja Tesic (Serbia), unha taekwondista que estaba a conseguir moi bos resultados. Arlet fixo un gran combate e venceu por 1-11. Nos cuartos de final caeu ante a canadense Skylar Park, medallista mundial, número 4 do ranking mundial e que foi a que se proclamou finalmente campioa do Open de Sofía.
Tamén caeu nos cuartos de final Pablo Patiño (-68), despois de superar dúas eliminatorias. Gañou ao alemán Mohamed Omeirat no punto de ouro, despois do empate no combate (11-11) e posteriormente ao bosnio Sadmir Habibovic (3-7). Nos cuartos de final non puido superar ao español Javi Pérez.