O taekwondo galego volveu brillar a nivel internacional. Nesta ocasión foi no Open de Bélxica, que se disputou esta fin de semana, con representación galega tanto a nivel sénior (coa selección española e a selección galega) como júnior e cadete (Natural). Esta proba reúne a máis dun millar de participantes das categorías sénior, júnior e cadete e máis de 100 árbitros.
Na categoría sénior hai que destacar as pratas de Iván García (+87, Mat´s) e Arlet Ortiz (-57, Mat´s), e o bronce de Alma Pérez (-53, Suh Sport).
Iván García (Mat´s) logrou a medalla de prata no peso pesado. O galego venceu en primeira rolda ao polaco Krystian Haremza por diferencia de vinte (21-1) e na semifinal enfrontouse a Omar El Yazidi (Francia). Foi un combate moi controlado polo noso competidor que venceu con claridade (9-2). Na final o rival era o estadounidense Jonathan Healy, cabeza de serie número 1, e nesta ocasión o rival foi mellor e logrou o ouro (6-1).
Pola súa banda, Arlet Ortiz (-57, Mat´s) tamén acadou a segunda posición despois de facer un magnífico torneo gañando catro combates para caer nunha fermosa e axustadísima final ante Raheleh Asemani (Bélxica) por so un punto (10-11). Antes venceu en primeira rolda á galega Yadira Reimúndez, que viaxaba coa selección galega, por 2-5 e despois superou a Laetiti Aoun (Líbano) por 13-20. Nos cuartos enfrontouse á Grace Jones (Gran Bretaña), cabeza de serie número 1, e Arlet logrou eliminala nun vibrante combate (22-23). A semifinal foi contra a grega Faidra Kalteki e novamente unha loita moi axustada que se decidiu no punto de ouro a favor da galega.
A terceira medalla galega foi para Alma Pérez (Suh Sport) en -53 quilogramos. Comezou a competición ante a italiana Sofía Bagnato e cun cómodo triunfo por diferencia de vinte (10-31). Nos oitavos enfrontouse a Carla Godoy (Arxentina) e novo vitoria ampla (2-19) para chegar aos cuartos onde esperaba a representante de Dinamarca, Jade Theresa Castillo e novamente Alma estivo moi segura e firme (19-11). Na semifinal volveu verse as caras con Laura Rodríguez (a súa rival máis dura en España) e nesta ocasión a vitoria caeu a favor de Laura, novamente nun combate tremendamente axustado (6-5).
Hubo máis participación galega en sénior, pero non máis medallas. En +73 quilogramos, Desireé Rivadulla (Suh Sport) gañou nos oitavos a Tania Castiñeira (Hebe) e despois foi eliminada nos cuartos pola francesa Avoulette, que foi a medalla de prata. Ademais, Miriam Patiño (-62, Patiño) venceu na primeira rolda á sueca Anna Engstrom de forma clara (0-14), pero caeu despois nun axustado combate ante Mijana Reljikj, de Macedonia. E por último, indicar que Pablo Patiño (-68, Patiño) venceu en primeira rolda ao británico Matthew Howell con bastante claridade (27-14), pero non puido con Cameron Booth (Gran Bretaña) nunha loita tremendamente axustada (7-8). Sara Cortegoso caeu en primeira rolda e Jose Fernández Rey non puido saír por unha lexión no xemelgo.
Categoría júnior. En júnior hai que destacar os tres ouros e unha prata e dous bronces acadados pola selección galega. Sergio Troitiño (+78, Mat´s), Javier Otero (-48, Kae Sport) e Adrián Salanova (-68, Maniotas) acadaron o ouro, mentres que Helena García (+68, Dobok) foi prata e Inés González (+68, Polc) e Silvia Otero (-44, Mat´s), bronce.
Javier Otero acadou a primeira posición tras vencer en tres combates. Na final, superou ao francés Amine Boukarnia por 2-0. En -68, Adrián Salanova logrou a medalla de ouro tras superar catro combates. A final foi ante o kosovo Jon Gashi e o galego venceu nunha axustada loita (2-0). Sergio Troitiño superou na final ao alemán Kirills Gatcins (2-1) e antes venceu a un bielorruso e un sueco.
En + 68 quilogramos feminino temos dobrete galego. Helena García foi prata, mentres que Inés González, bronce. Helena superou dúas roldas e caeu na final ante Julia Fernández Insa nun axustado combate que se decidiu por un punto. Pola súa banda, Inés González venceu nos cuartos a unha francesa e caeu na semifinal ante Julia por 0-2. En -44, Silvia Otero foi bronce tras superar dúas roldas e caer na semifinal ante Bousname (Holanda), que foi a que ao final se proclamou campioa.
Natural. O Natural Sport Ribeira tamén viaxou ao Open de Bélxica e volveu cun gran botín de un ouro, unha prata e un bronce. En júnior Carme Santamaría (-59) foi bronce, tras vencer en dous combates e caer na semifinal ante a grega Marentaki. En cadete, Víctor Videla logrou a medalla de ouro en -37 quilogramos tras superar os catro combates do seu peso fronte a Francia, Alemaña e dous deportistas franceses na semifinal e final.
Pola súa banda, Tomasa Franco (-44) acadou a medalla de prata despois de vencer en tres combates e caer na final ante Judith Córdoba (0-2).