A competición non para e tralo Europeo sub 21, tamén en Tallín celebrouse o Open de Estonia, con medallas para Galicia: Iván García acadou o ouro; Miryam García foi prata e Arlet Ortiz, bronce.

 

Iván García (-87, Mat´s) regresou á competición en Estonia e, pese a que non tivo as mellores sensacións, si que logrou o triunfo. No primeiro combate enfrontouse a Milos Pilipovic (Noruega) e o galego venceu de case vinte puntos de diferenza e así logrou o pase para a final onde esperaba o croata Pasco Vozic. Iván gañou, sen tanta folgura pero con comodidade, por 4-7. Agora xa pensa no próximo Open, que será en Polonia.

 

Miryam García (-62, Patiño) fixo un magnífico torneo. Comezou contra Nea-anna Kurkela (Finlandia) e a nosa deportistas venceu con moita facilidade. No segundo combate a rival foi Noruega e novamente Miryam controlou ben a loita e gañou 14-7. A semifinal foi contra Lies Vicca (Bélxica) e, aínda que un pouco máis axustada, nova vitoria para a galega, que se meteu na gran final. Alí esperaba a cabeza de serie número 1 e campioa de Europa, Bruna Vuletic. Miryam plantou cara e estivo metida e con opcións ata os últimos segundos do terceiro asalto, cando Vuletic certificou o triunfo. Gran prata.

 

Arlet Ortiz (-57, Mat´s) venceu en primeira rolda á israelí Noa Preiss por diferenza de puntos, cunha gran actuación. Posteriormente, enfrontouse á olímpica Neshi Lee Lindo Álvarez (Costa Rica). Foi unha loita moi axustada que rematou con empate ao finalizar os tres asaltos (8-8) e que se decidiu a favor da galega no punto de ouro. Así, logrou plantarse nas semifinais onde esperaba a Faith Dillon (Estados Unidos), que no Europeo lograra a medalla de prata. Arlet caeu por cinco puntos ante Dillon, que foi a vencedora do Open.

 

Por último sinalar que Cloe Iglesias (-62, Patiño) caeu no primeiro combate ante a ucraína Mariia Labuzova e Pablo Patiño (-68, Patiño) non competiu finalmente, porque arrastraba molestias do Europeo sub 21.

Print Friendly, PDF & Email